31 ene. 2011

TANXEDOIREANDO

O pasado 19 de decembro os membros da rondalla, e algúns acompañantes, saíron da Coruña en dirección a Ribadumia, moi preto de Vilagarcía. O motivo era un encontro de rondallas ao que foramos convidados pola a asociación O Castro, de Baión, que era a entidade organizadora.

Tivemos un pequeno problema á hora de cegar ao lugar, posto que contabamos cun croquis que non nos aclaraba moi ben a situación. O tempo víñasenos enriba, xa que había que afinar e poñernos o uniforme para a actuación. Así que, logo de dúas paradas e unha ampla visita pola bisbarra, chegamos ao lugar da actuación grazas á tecnoloxía moderna: o GPS.

Unha vez alí todo foi sobre rodas. Fomos moi ben recibidos e actuamos en segundo lugar co seguinte repertorio: Siklla, Azulao, Fado de tía María Benta e Danza de Albarellos. A verdade é que a actuación foi todo un éxito, o cal foi recoñecido co caluroso aplauso do público nun día tan frío e chuvioso.

Antes de voltar, a asociación O Castro obsequiounos cuns pinchos e cun chocolate con rosco de Nadal. Nós, para agradecer toda a hospitalidade e para desexar unhas felices festas a todos os presentes cantamos unnha panxoliña puertorricense, El Cardenalito, para, acto seguido, subirnos ao bus en dirección a Coruña, traxecto que pasamos cantando e rindo.