31 jul. 2015

ENTRE PEDRAS E AUGAS

Malia que o día era incerto en canto á súa climatoloxía, os asistentes a esta excursión de fin de curso presentáronse ao pé do autobús con ganas de vivir novas experiencias culturais e de ocio. E que mellor forma de comezala que cunha primeira parada na casa do Rei das Tartas, en Mondoñedo, onde os cafés e a bolería diversa achegarían as forzas necesarias, tanto aos " pequechos " como aos xa "adolescentes".
A primeira visita foi á máis antiga das catedrais románicas conservadas en España, o templo de San Martiño de Mondoñedo, cuxos inicios datan do século VI. As milimétricas explicacións dunha das súas guías lograron que todos os presentes se internasen en cada unha das esculturas e pinturas do interior e exterior do mesmo. Ah!, e o que máis e o que menos se pasou pola fonte do zapatazo para beber as súas augas e, así, asegurarse o benestar para as súas pernas... Ben, iso di a lenda.

De novo no autobús, e a través de marabillosas paisaxes, os excursionistas puideron chegar ao conxunto de acantilados que, esculpidos polo vento e o mar, forman a praia das Catedrais. Impresionante!!! E non só a divisaron, senón que pisaron a súa branca area e camiñaron entre as súas paredes de máis de trinta metros de altura e, os máis cativos, puideron mollarse nas súas cristalinas augas, o que provocou o lóxico cansazo e a apertura dun merecido xantar.
Serpeando á inversa o camiño, o casco vello de Mondoñedo (conxunto histórico-artístico dende 1985), foi o elixido para dar boa conta da diversidade de produtos culinarios, tanto de elaboración propia coma dos típicos do lugar, deixando o café e os xeados para ser degustados na súa praza central, á vez que (ao igual que o fixese Cunqueiro no seu tempo) contemplaban a súa catedral, monumento que data do século XIII.
Tras un pequeno percorrido pola vila, o asentamento costeiro do castro de Fazouro, nas proximidades de Foz, foi o seguinte punto de interese a visitar. Moito poderían falar as súas pedras (eu sí creo que as pedras falan) de tanta historia alí acumulada, xa que se estima a súa colocación entre os séculos I e III d. C.

E, ante tanto ámbito natural, non podía faltar o final clásico dunha excursión de verán: un anaco de sol e praia. O areal branco de Arealonga, con moderada ondada e encadrado entre o castro de Fazouro e os acantilados de Mosteiro, serviu de marco e punto final para este encontro cultural e de ocio que tan ben foi levado polos seus organizadores. Non se pode pedir máis... Ben, sí... que non cesen estes encontros.

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace

Luis Landín

30 jul. 2015

Asalto ó castelo (Vimianzo)

O pasado 4 de Xullo os compoñentes do coro Tanxedoira xunto con algún compoñente da Rondalla, tivemos a oportunidade de participar na festa do "Asalto ao castelo" de Vimianzo.
Saímos pola mañá no bus guapísimos coas nosas camisetas novas. Pola mañá, en Vimianzo puidemos participar nos talleres da festa: fixemos un escudo, pintamos unha espada, fixemos pulseiras, trenzamos o pelo con flores...
Ao mediodía a nosa guía da festa nos levou a facer cantos de taberna polos bares da vila e disfrutamos moito vendo a xente cantando con nós.
Atopamos un sátiro que brincaba e berraba: "Vivan os taberneiros e taberneiras!" Era moi divertido, aínda que a Nuria e a Martín nos lles fixo moita gracia (hehehe).
Pola tarde fixemos unha visita ao castelo e tivemos a oportunidade preciosa de cantar no castelo de Vimianzo! Cantos medievais, tradicionais... e rematamos coa nosa canción do verán: Bailando, de Enrique Iglesias.
Encantounos cantar no castelo, foi moi emocionante.
Esperamos repetir o ano que vén.

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace 

Sara Conde García.

13 jul. 2015

Resumo Sardiñada 2015



O día 27 de xuño celebramos a tradicional sardiñada de Tanxedoira.

Un nutrido grupo de tanxedoiros, tanxedoiras e tanxedoiriñ@s, reunímonos para degustar unhas saborosas sardiñas con cachelos, cociñados con esmero por Tino, David e Noemí.... O tempo deunos unha tregua, co que o desfrute foi total.

Boa comida, boa compañía, unhas nubes á grella, idea de Sofilove que estaban deliciosas! Que máis se pode pedir!... que a vella do bastón nos deixe tranquilos, ha, ha, ha...

En fin, é unha marabilla contar convosco, compañeiros, sempre estamos a gusto, contentos e alegres na vosa compañía. E se non vos gustan as sardiñas, esa é escusa, xa que o tempo que compartimos nestes acontecementos, sobre todo, alimentan o espírito.

Esta foi a nosa primeira sardiñada Tanxedoira, pero seguro que haberá moitas máis.

Un saúdo e ata a próxima!!!!

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace


Leticia Amor Candamio