30 dic. 2016

Festival de Nadal


O sábado 17 de decembro celebrouse ou Festival de Nadal non Salón de Actos do Centro Cívico de Novo Mesoiro.

A mostra de actividades realizada polo alumnado e profesorado foi moi aplaudida por todos os asistentes.

A primeira actuación foi a do CORO, coa que desfrutamos das fermosas voces dirixidas sabiamente por David Loureiro.

De seguido, subiron ao escenario dous aprendices de acordeonistas, que non parecían aprendices porque o fixeron de marabilla.

Despois, os espectadores e espectadoras tentamos seguir o ritmo da música que bailaron Noelia, Leticia e Danay, mais non conseguimos facelo dunha forma tan sensual coma elas.

A continuación, a orixinal e moi ben interpretada obra posta en escena polo grupo de TEATRO. A seguir gozamos do BAILE en grupo. Ambas as actuacións aplaudidas con moito entusiasmo.

Antes da entrega de premios do concurso de postais, puidemos escoitar dúas panxoliñas da actividade de guitarra. Fixéronnos pasar un bo intre o grupo de maiores e novos aprendices, dirixidos polos mestres Javier e Leti.

As guitarras deixaron paso ao BAILE de Danay e Diego. E tras unha chea de aplausos que recibiron, fixeron a entrada no escenario o grupo convidado Banda de gaitas Álvaro Cunqueiro - O Lago. Que marabilla escoitalos!!!!! Aproveitamos para agradecer a súa colaboración no festival.

Por último tivemos a actuación da RONDALLA, que como sempre nos deixa con dor nas mans de tan forte como aplaudimos.

E non podemos esquecernos de felicitar ao gañador ds impresionante cesta de Nadal. Que a desfrute con alegría e saúde!! 

Luca Angeriz
 


 

19 dic. 2016

Desde Cáritas San Cristovo das Viñas

Ola, Tanxedoiro/as,

Quero darvos as grazas en nome dos meus compañeiros e compañeiras de Cáritas e no meu propio.

Todo comezou no ano 2015 un día que no local de Tanxedoira falaba con David Loureiro do mal que ían as cousas pola parroquia de S. Cristovo e comentoume: "Se queres imos un día e cantamos na igrexa e así recádase algo máis..."

Nese momento iluminóuseme algo, comenteino cos meus compañeiros e compañeiras e adiante, comezou o primeiro festival de Cáritas S. Cristovo das Viñas. Éxito total.

Grazas David "Contigo comezou todo"

E quérovos dar as grazas por que sodes un grupo de xente "ESPECIAL" colaborastes nas actuacións, colaborastes con alimentos e colaborastes axudándome a min en todo o que precisei. Por iso e moito máis, eu, persoalmente quérovos dar as grazas.

Mención especial ás nenas que estiveron a vender as rifas (espectaculares) todas de Tanxedoira (boa semente).

Canto ao festival en concreto dicirvos que houbo un pouco menos de audiencia (comentaban que polo partido do Dépor ) e consecuentemente menos recadación; mais estamos moi contentos, xa que nos dá para pagar a cociña económica e algún pequeno gasto máis que tiñamos.

Agardo que o ano que vén nos vexamos outra vez no 3º Festival de Cáritas San Cristovo das Viñas.

Deséxovos unha feliz Noiteboa e que o ano 2017 vos dea todo o que lle pidades.

GRAZAS





Maxi García. 

Gañadores Concurso Postais Tanxedoira 2016

Ola!!

Xa temos  os gañadores do Concurso de Postais Tanxedoira. 
Son os seguintes:

- Categoría Infantil:

Gañadora: Sofía Amor Manteiga

- Categoría adultos:

Gañador: Julio Seijas Gómez

Noraboa ás gañadoras e moitas grazas a tod@s por participar!

A continuación, mostrámosvos as postais que participaron


Categoría Infantil: Diego Carballido Leyva

Categoría Infantil: Gaby Lestón Quintela


Categoría Infantil: Lucia Carballido Leyva


Categoría Infantil: Matilde Sánchez Fernández

Categoría Infantil: Noelia Insua Rodríguez

Categoría Infantil: Sofía Rivas González

Categoría Infantil (Gañadora): Sofía Amor
Categoría Adultos: Ana Ramos y Carmen Santiago

Categoría Adultos: Acuario y Leo

Categoría Adultos (Gañador): Julio Seijas Gómez

Categoría Adultos: Leticia Riestra

Categoría Adultos: Mº Soledad Quintela Pérez

Categoría Adultos: Mº Pilar Fernández Castiñeiras

18 dic. 2016

Teatro na Institución Benéfico Social Padre Rubinos

O pasado 12 de decembro, o Grupo de Teatro Tanxedoira fixo gala, como sempre, do seu traballo e saber facer sobre as "táboas" para levar alegría, entretemento e diversión por onde pasa.

Nesta ocasión levaron a diversión á Institución Benéfico Social Padre Rubinos, para poñer en escena dúas "pinceladas" de dúas zarzuelas, que no seu momento o grupo de teatro xa fixo completas. Elixiron dous momentos cómicos e musicais de La tabernera del puerto e La Dolorosa, cos que o público presente riu, cantou e aplaudiu, e pasouno de marabilla.

O elenco implicado en cada peza foron:

La Tabernera del Puerto:

Marola……………………….Carmen Cabrero

Leandro……………………..Fernando Vela

Antigua……………………...Rosadelia Moreno

Ripalda……………………….Enrique Vela

Abel……………………………Ana Vilariño



La Dolorosa:

Hermano Rafael………….J.Luis lópez

Perico…………………………Jesús García

Nicasia……………………….Olga Espiñeira

Bienvenido………………...Manolo Rama

José………………………….…Manolo Riestra



Todos os integrantes do grupo de teatro estamos moi orgullosos do tarbajo realizado e de levar un rato de felicidade e entretemento alá onde nos chaman, e máisnestas datas tan sinaladas.
Felices Festas a todas e todos de parte do Grupo de Teatro Tanxedoira. 

Fernando Vela


11 dic. 2016

Ensaios singulares

O pasado día 3 de decembro, o coro de Tanxedoira puido gozar de forma extraordinaria dun ensaio algo atípico, xa que o realizou na igrexa do Mosteiro de San Salvador de Bergondo.

Así mesmo, o día 7 do mesmo mes, tanto o coro como a rondalla realizaron outro ensaio singular na igrexa do antigo Convento das Capuchinas, na Coruña.


En ambas as igrexas, descubriron a boa sonoridade e tamén o pouco esforzo que se precisaba para que as voces se escoitasen con claridade, mais sempre coas boas indicacións do noso querido director, facendo fincapé nos alicerces do canto: boa postura, a respiración, cantar no rexistro correcto e a articulación.

Agardanos poder desfrutar en máis ocasións destes lugares tan entrañábeis! 

Luis

 

23 nov. 2016

GRUPO DE TEATRO TANXEDOIRA, e a súa obra ¿Quién nos manda hacer teatro?


O pasado 17 de novembro tivemos unha divertida actuación no Centro Cívico do Castrillón con gran afluencia de público, que pasaron unha tarde moi agradábel e que se divertiron ao grande.

Tamén coa mesma obra, o dia 20, estivemos en Santaballa (Vilalba, Lugo) nunha Escola Habaneira de 1907, totalmente restaurada, onde a xente se divertiu coa obra arrincando grandes aplausos. Pasámolo en grande, coa compaña tan próxima. Convidáronnos a comer a corpo de rei e logo despois da actuación merendamos e volta á Coruña. Un día inesquecíbel.

​José Luis López.

Cea en Tanxedoira


O pasado día 19 de novembro, xuntámonos algúns membros do coro, teatro, rondalla, etc. no local da asociación.

Mentres que encargaban as pizzas, houbo xogos de mesa, pin-pon, charla entre @s asistentes.

Tamén vimos o partido de fútbol da selección.

E xa coa chegada da comida, preparámonos para repoñermos forzas.

Todos gozamos dunha boa noite nun ambiente agradábel.

Finalmente, como non, houbo cancións e baile, pois esas son cousas que nunca faltan nas nosas queridas comidas e ceas da nosa asociación.

Moitas grazas a tod@s pola vosa asistencia e até a próxima.

Un bico moi cariñoso dos vosos compañeiros

Carmen López e Samu Pena

21 nov. 2016

Fútbol e Magosto 2016


Un día de outono, 12 de novembro, o ambiente empeza a arrefriarse á espera do frío e as nevadas. E no mes de novembro, en especial en Galiza e Asturias, preparámonos para a festa do Outono: o MAGOSTO ou o AMAGÜESTU.

Esta é unha tradición bastante descoñecida fora das nosas fronteiras galego-asturianas. As familias e grupos de amigos reúnense para gozar da tarde outonal, mentres se deleitan co sabor das castañas, que nesta ocasión, eu persoalmente, tanto puiden desfrutar na compaña da gran familia Tanxedoira.

Empezamos xuntándonos para gozar dun partido de fútbol, onde o máis importante non era o resultado, senón a diversión de todos os presentes, tanto grandes como pequenos, e iso conseguiuse cun sobresaínte.

De alí fómonos tod@s ao local da asociación, onde, nun principio, se ía realizar fóra a típica lumeirada tradicional da festa e asar nela as castañas; mais non acompañou o tempo, así que Roberto ofreceu a súa casa para preparalas. Tod@s puxemos o noso gran de area con deliciosas viandas: biscoitos, empanadas, galletas, postres, etc. Todo feito a man e con moito agarimo para acompañar as riquísimas castañas asadas por Roberto.

Rapidamente, e como adoita ser habitual cada vez que nos reunimos para calquera evento, empezaron os cantos típicos con David, Javier e a presi á cabeza e uníronse ao momento tod@s @s alí presentes coas súas voces.

Un día realmente divertido, diferente e en moi boa compañía. Grazas a tod@s!

Luis Ignacio Pichel 


Tanxedoiros polo aire

En Tanxedoira o que máis nos gusta é pasárnolo ben, por iso en canto algún socio propón unha idea diferente alá que imos os aventureiros.

E así foi o pasado 10 de setembro: un grupo de Tanxedoiras fomos facer… PARAPENTE!

Levantámonos cedo e fomos ata Valença do Minho, en Portugal. Alí esperábannos uns monitores con todo o equipo xa preparado. Era a primeira vez para todas, e non puido ser mellor. A min, persoalmente, encantoume: notar que non tiñas os pés no chan molou bastante. Na viaxe polo aire pasamos sobre as árbores e vimos unha fervenza e un lago con muíños de auga.

Como en toda actividade de Tanxedoira, non podía faltar a comida, así que aproveitando onde estabamos fomos tomar un bo churrasco á grelha.

O máis divertido da viaxe foi o mareo que colleu a presi case a piques de aterrar… hehehe.

En xeral, foi divertidísimo e quedáronnos moitas ganas de repetir, así que ata a próxima Tanxedoir@s Aventurer@s!

Mati Sánchez 
 
 

16 oct. 2016

ACORDEONISTAS

Comezou o curso en Tanxedoira e, a pesar da limitación de espazo físico que presenta o local social, foi posible incorporar unha nova actividade musical: acordeón.

O profesor é Luís Romero que, seguindo o principio altruísta da Asociación, adaptouse á dispoñibilidade horaria das actividades, coa dificultade que conleva o encontrar un horario que veña ven para o alumnado e que o local se encontre libre.

Desde aquí, fáiselle chegar un agradecemento público ao novo formador, desexando que moi pronto podamos ver o seu alumnado actuando nos escenarios.


A. C. Tanxedoira

15 oct. 2016

COMIDA INAUGURACIÓN CURSO 2016/2017

Como vén sendo tradición en todos os comezos de cursos e na ASOCIACIÓN TANXEDOIRA, o sábado 1 de outubro celebrouse entre os socios e as socias unha comida de inauguración de curso.

Por suposto entrada libre para calquera que quixera asistir, taméns coas súas familias. E nesta ocasión organizouse a comida nos locais da Asociación, onde cada familia achegou comida, bebidas e sobremesas. Na súa inmensamente maioría comida caseira, exquisita e moi elaborada: desde patés riquísimos, ata empanadas de polbo, de bacallau con pasas, tortillas de todo tipo, croquetas boísimas, lacón asado, mexillóns ao vapor, etc. Todo iso regado con todo tipo de viños, tintos, brancos, cervexiñas e refrescos varios. E xa non digamos as sobremesas: biscoitos de todas as variedades, larpeiras, torta de queixo, e por suposto todo exquisito.

E como non, o cafeciño coas gotas e as infusións para os menos cafeteiros. Vamos, que non faltou de nada: cheíños todos quedamos.

Boa organización e boa compañía, onde non faltaron os xogos tradicionais para os máis pequenos da familia, que o pasaron en grande, as partidas de cartas e o canto para os menos pequenos.

Tamén quedou tempo para mercar a lotería de Nadal, que seguro que este ano toca. Así que a comprar, o que aínda non a teña.

En fin, que a comida e a boa compañía alongouse ata ben entrada a tarde-noite, polo que damos por ben inaugurado o novo curso 2016/2017.

E ficamos agardando a familia Monteserin Castro o seguinte evento da ASOCIACIÓN TANXEDOIRA.



Beatriz Castro 

28 sept. 2016

Cantos de Taberna Elviña


O día 24 de setembro a Asociación Cultural Tanxedoira participou nas Festas da Milagrosa, cos seus cantos de taberna. Alí coincidiu con outros dous grandes grupos, Cantareiros do Naval e Aires de Sigrás, os cales tamén participaban deste evento organizado polos Comerciantes Boulevard Elviña.

A acollida nos bares do circuíto foi moi boa, a xente pasouno moi ben. Entre canto e canto, os establecementos, moi amablemente, íannos convidando a uns petiscos e algo de beber para axudar a afinar as voces.

Ao finalizar o evento a organización convidou a todos os grupos a un petisqueo e alí reunidos, como non podía ser menos, a festa continuou ata ben entrada a tarde. Gaitas, bombos, pandeiretas, palmas, guitarras e voces celebrando un gran día.
 
 

 
Teresa Barbeito

20 sept. 2016

Comida Inicio Curso

Comeza un novo curso en Tanxedoira e con el chegan as nosas reunións gastronómicas! O próximo 1 de outubro, ás 14:00h, é a data escollida para a nosa Comida de Inicio de Curso. Este ano, igual que o ano pasado, pensamos que sería bo facer a comida no local, a nosa casa, como "medida anticrise" para que todos poidamos participar. Visto o exito dos anos pasados, cada un de nós achegaría algo para crear o noso menú e así, de paso, presumir das nosas dotes culinarias.

Haberá unha folla de inscrición dispoñible no Taboleiro de Avisos do local para todo aquel que queira apuntarse.

Animámosvos a que vos apuntedes, a diversión e unha boa mesa entre amigos están garantidas

6 sept. 2016

Lotería de Nadal

Tanxedoir@s!!
Xa están dispoñibles os décimos de Lotaría de Nadal de Tanxedoira. O número escolleito para este ano é o 93756. 

Para recollela tedes dúas opcións:
- No local de Tanxedoira todos os venres de 20:00h a 22:00h (Horario de atención da directiva).
- Na administración de lotaría do Carrefour (Alfonso Molina) dentro do seu horario de apertura.

Sorte!

5 sept. 2016

28 ago. 2016

Pasacalles por Arteixo

O día 22 de xullo, con motivo das festas de Santiago Apóstolo no Concello de Arteixo, a nosa Asociación foi convidada, entre outros grupos, para colaborar amenizando rúas e prazas que vivían un excelente ambiente festivo, o cal se vía acompañado dunha climatoloxía apropiada para iso.

O pasacalles realizouse cun nutrido grupo de efectivos da rondalla e do coro, que recibiu o agradecemento do público. Pero require ser destacada a extraordinaria actuación coa que os compoñentes do coro pecharon, na Praza do Balneario, a actuación formal de Tanxedoira, lugar no que a Asociación recibiu un obsequio do municipio.

Máis tarde, o grupo dirixiuse ao café-teatro Melandrainas, lugar no cal continuou alegrando a tarde-noite coas súas guitarras e cantos. 



José Luis Ponte

Aquapark Cerceda

Os Tanxedoiros sempre buscamos onde pasalo ben, como o outro día no Acuapark de Cerceda.

Chegamos pola mañá a iso das dez da mañá. Xuntámonos na entrada e logo colocámonos nun cachiño de campo que había por alí libre, preparámonos para as piscinas e… listos para a diversión!

Subimos naqueles tobogáns e zambullimonos naquelas piscinas e, aínda que a auga estaba un pouquiño fría, desfrutámola moito.

Despois dun rato de diversión fomos cara as toallas onde comemos, xa con ansias de voltar outra vez á auga.

Estivemos toda a tarde alí xogando e fómonos sobre as oito da tarde.

Encantoume o día e o pasámolo xenial, porque como xa dixen cando empecei con isto: nós sempre buscamos un sitio onde pásalo ben.



Sara Conde

15 ago. 2016

Sardiñada 2016

O pasado día 2 de Xullo, celebrouse a tradicional sardiñada da nosa Asociación, que desta vez, por novas normas do Concello, tivemos que trasladar a un novo emplazamento: a casa duns socios, que a puxeron á nosa disposición.

Nesta nova nova ubicación, e rodeados de tanxedoir@s, nun día soleado que convidaba a pasar unha tarde de festa, os máis pequenos (e algún non tan pequeno) desfrutaban duns chapuzóns na piscina, mentres outros saltaban na cama elástica. Algúns maiores desputaron unhas partidas de futbolín, mentras Tino e Manolo (nosa noraboa polo chefs) comezaban a asar as sardiñas e o churrasco, do que demos boa conta todos os participantes, acompañados de bebidas fresquiñas para mitigar o calor do día.

Seguimos de troula boa parte da tarde, entre “bautizos” da nova presidenta e algún que outro baño “non” desexado, mais foi todo feito con moita risa e alegría, do que imos sendo testigos desde que somos membros da asociación.

Pola nosa parte, que fomos os anfitrións, queremos darvos as grazas (non sufrimos desperfectos nin na casa nin no xardín, hehehehe..) pola asistencia e agardamos que todo o acontecido fose de voso agrado e por suposto, que a nosa casa está encantada de recibir a persoas coma vós e celebrar días como este cando sexa necesario.

Así que ata a seguinte e moito ánimo Tanxedoir@s.
 
Ana Vilariño

25 jul. 2016

Teatro en Arteixo

Ola:

Son unha seguidora de A. C. Tanxedoira.

En primeiro lugar, gustaríame destacar a vosa condición e o acolledores que sodes. Ademais, tamén quería agradecervos os bos momentos que facedes pasar ao público que vos seguimos nas vosas actuacións.

A tarde do sábado 11 de xuño, no Café-Teatro “Melandrainas” de Arteixo, pasamos unha tarde moi divertida coas vosas pinceladas de humor: La ciudad no es para mí e ¡Quién nos manda a nosotros hacer teatro!

Os asistentes gozamos moitísimo desta actuación.

Amalia Dacosta

24 jul. 2016

Saúdos da nova presidenta da Asociación

Como nova presidenta da Asociación, quero dedicar unhas palabras a todos os socios da mesma para poder presentarme a aqueles que non me coñecen.

Levo na Asociación 20 anos e entrei sendo unha nena. Doce ou trece aniños tiña eu e comecei con clases de frauta (pobre Rosa Louro que lle tocou aguantarnos a miña irmá e maís a min) e guitarra. Agora son eu monitora de guitarra e sempre presumo de aprender nesta asociación e ser eu agora monitora na mesma, porque se algo teño que agradecer a Tanxedoira son os valores que me inculcou: compañeirismo, altruísmo e dedicación por un ben común. Compañeirismo, grazas a compartir tantos momentos cos meus compañeiros da rondalla. Altruísmo por ofrecer os meus coñecementos ao resto dos socios simplemente polo feito de querer compartilos (guitarra e informática) e, por último, dedicación polo ben común que é facer que o nome de Tanxedoira sexa coñecido en toda A Coruña    ( e máis aló...).

Se hai algo que teño que destacar por encima de calquera cousa é a sensación de familia que achega Tanxedoira, onde dá igual que leves anos e anos sendo socio ou onde tan só sexas un recen chegado. Todos son acollidos cos brazos abertos. Mesturámonos nenos, mozos, adultos e non tan adultos para facer festas, festivais, excursións e comidas (porque outra cousa non pero aquí as caralladas, encántannos).

Comentar, para todos aqueles que non me coñecen, o importante que é Tanxedoira para min, pois practicamente crecín nela e vivín un sen fin de momentos e anécdotas e sen ela sentiría que me falta algo. Así que desde o meu novo cargo podo afirmar que vou tentar dar o mellor de min para que nosa pequena familia continúe como ata agora e siga crecendo.
E podo falar tamén polos meus compañeiros de directiva porque sei que darán tanto ou máis que eu para deixar o nome de Tanxedoira en moi alto lugar

Leticia Riestra

23 jul. 2016

Expo Tanxedoira 2016


Como todos os anos, ao finalizar as actividades de bolillos, labores e pintura, o alumnado expuxo os diferentes traballos realizados durante o curso. Tal exposición celebrouse no local de Tanxedoira durante os días 20 ao 23 de xuño, ambos inclusive. Parabéns a todos.

Quíxose aproveitar a oportunidade para solicitar a opinión dalgunha profesora, recollendo a mesma a continuación:

"ACTIVIDADE PINTURA. Curso 2015-2016"

MONITORA: Beatriz Carballido do Camiño.

Na actividade de Pintura da Asociación Tanxedoira, na que estou de monitora desde o ano 2014, fixemos un grupo dos máis variado en canto a idades, desde os 6 anos en diante. A maioría, nunca pintara antes. Deixamos que a nosa imaxinación flúa e que se definan as personalidades. Expresámonos e comunicamos. Pintamos porque é alucinante cada descubrimento que se fai, cada pincelada é unha nova posibilidade. Os alumnos cada vez que descobren unha nova mestura, unha nova cor, un novo efecto, esperta neles alegría, emoción, por iso, non ven aburrida a actividade. Tratamos de pasar un intre distendido, con bromas, cantando, e de cando en vez unas cantas voltas ao redor das mesas, que aos máis pequenos vénlles de marabilla para non perder a concentración.

É un ambiente non competitivo e relaxante, onde o alumno aos poucos vai vendo a súa progresión, sobe a súa autoestima e aínda que somos un grupo, cada traballo é individual. Danse ánimos cando a algún non lle sae ben e dan o parabén cando algún acaba o seu cadro.

Fanse unha media de dous cadros por alumno durante o curso, moi elaborados. En definitiva, a arte humanízanos, axúdanos a comunicarnos, perdemos a timidez e, en certa maneira, fainos ver un mundo menos malo. Ata o próximo curso!!

A. C. Tanxedoira.

15 jul. 2016

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO 2015-2016 PENÍNSULA DO BARBANZA


O domingo día sete de xullo, ás oito da mañá, unha hora de loucura despois do estupendo trafego da tarde noite anterior na Festa da Sardiñada, poñémonos en marcha dispostos a conquistar a Península do Barbanza, entre as rías de Muros-Noia ao norte e a de Arousa ao sur. A maná preséntase fresquiña, co sol espreguizándose e apartando con coidado algunhas nubeciñas folgazanas.

Saímos para Santiago sentíndonos os donos absolutos da autopista. Sono de máis nos ollos para sermos capaces de desfrutar da marabillosa paisaxe, mais iso amáñase ao chegarmos a Padrón. Que doado resulta agora introducirse pola feira, aínda que só sexa por un momento! Nos meus tempos mozos, cruzar a vila un domingo de feirón era unha tortura pola multitude de vehículos e sen posibilidade de deixar a caravana ata moito despois de ter pasado as ofertas. Un curioseo rápido, un café e algo máis, e volta ao coche de Daniel e a seguir ata a Pobra do Caramiñal para asomármonos ao mirador da Curota, desde cuxos case cincocentos metros de altura se poden ver parte das rías de Pontevedra, Vigo, Arousa e Muros-Noia. Os valentes, case todos, subiron ata o cume, loitando contra un vento que adorarían todos os perruqueiros e perruqueiras do mundo. As máis cagainas ficamos un pouco máis abaixo, desfrutando da marabillosa conntorna. Os sombreiros e chapeus mercados na feira fixeron piruetas e pinchacarneiros que obrigaron a correr a máis de un.

A iso do mediodía chegamos ao dolmen de Axeitos, un monumento funerario megalítico, levantado na época neolítica (IV milenio a. C.). Oito grandes laxas de granito fincadas na terra conforman unha planta poligonal sobre a que se apoia outra lousa horizontal de 4’5 por 3’5 metros; aínda conserva as laxas que conformarían o corredor de entrada. Resulta moi interesante e está situado nunha paraxe preciosa.

Continuamos hacia Corrubedo para ver moi de pasada a súa marabillosa duna móbil. Os que a vieron sen presas din que é tan espectacular que o lugar serviu de marco para escenas de películas ambientadas no deserto. Con máis de 1 km de longo, uns 250 metros de largo e uns 20 metros de altura observámola desde a distancia, branca coma unha marabillosa raíña da area. Mentres, Jesús envía as fotos que dan conta da viaxe para quen quedou na casa. Todos sorrintes. Así dá gusto.

Á hora de comer, o grupo fai eleccións diversas: praia, piñeiral ou restaurante para xantar seriamente (está todo reservado) ou de petiscos, que resulta xenial: racións en oferta variada, todo saboroso e recén feito, sol e brisa agradable.

Logo o castro de Baroña. É un castro de tipo marítimo, tanto pola súa ubicación, coa praia de Arealonga aos seus pés, como polo medio de vida dos seus habitantes. A beleza e singularidade deste castro radica na súa ubicación. Está situado nunha pequena península rocosa, separada da terra por un istmo de area. Foi ocupado entre os séculos I a. C. ao I d. C. Na totalidade do conxunto obsérvase aproximadamente unhas 20 vivendas de planta circular ou oval, sen portas nin fiestras, e con banco corrido en todo o perímetro.

Atravesamos Porto do Son e Portosín con silencio de sesta e para cerrar a jornada eliximos a ribeirense praia das Furnas, inmensa, toda nosa para desfrutar ao gusto de cada quen. Eu escribo. Redacto estas liñas pensando que así, quizais, se reflicta unha migalla do solpor. Non estou soa, pero nun instante si que o parece e unha voz amiga achégase para invitarme a unha tertulia ubicada uns pasos máis abaixo. Agradezo a invitación, mais continúo a escribir. Que luxo poder facelo aquí, escoliando as ondas e as gaivotas que procuran bocadillos esquecidos!

Nun intre o autobús devolveranos a casa. Que marabilla de día! 
 


Rosario Barros Peña  

11 jul. 2016

Nova xunta directiva

Estimados soci@s:

O pasado venres, 1 de xullo de 2016 tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria da Asociación Cultural Tanxedoira, na cal foi nomeada, por unanimidade de votos, a nova executiva que rexirá esta entidade durante os próximos catro anos. Quedando constituída da seguinte forma:

Presidencia: Leticia Riestra Ainsua
Vicepresidencia: Roberto López Boado
Tesourería: Cristino Conde López
Secretaría: Noemí Iglesias López

A Xunta Directiva inicia esta nova etapa con moitos proxectos e ilusións, máis, sobre todo, co compromiso de traballar arduamente por e para o beneficio da Asociación e os seus membros, facendo todo o que estea na súa man por manter o bo funcionamento que caracteriza á nosa entidade.

A Xunta Directiva queda á total disposición dos socios, mediante calquera dos canáis de comunicación e consulta dispoñibles.
 
 

 

4 jul. 2016

Festival Fin de Curso 2015/2016

Un ano mais despedimos o curso diante dun público incondicional que encheu o salón de actos do Centro Cívico de Novo Mesoiro. A tradicional exhibición das nosas actividades tivo unhas simpáticas presentadoras, Elsa e Nuria, que nos fixeron desfrutar mentres se viñan arriba.
 
As coordinadas melodías do CORO, ou a mímica interpretación do GRUPO DE TEATRO arrincaron un sin parar de aplausos. Logo unha gran coreografía por parellas do BAILE LATINO, precedidas polas nosas polifacéticas bailarinas, Silvia e Leticia, (e máis a cativa Noelia) bailando a canción de Tito Puente “Oye como va” … deixaronos xa sen alento. Para descansar entregáronse os premios do concurso de fotografía e os obsequios aos sacrificados monitores das actividades.
 
Logo subiu a escena o multitudinario grupo, dos mozos e xubilados, de GUITARRAS que conseguiron tocar ao unísono as súas cancións. De seguido aparecen as luces danzantes no escenario facendo maxia co grupo convidado Urban Dance MELANDRAINAS e como colofón, o deleite da RONDALLA.

Todos os grupos atenderon aos gritos de “outra, outra” para que o público levara un bo sabor de boca. Mentres tanto, pasa un feliz verano e volta o próximo curso con ganas de apuntarte a calquera das actividades de TANXEDOIRA .
 
Antonio González
 


 

Comida Grupos Artísticos

O día 12 de xuño celebrouse a comida de grupos artísticos na que os membros da Asociación puidemos compartir momentos moi entrañables. 

Para min e a miña familia era a primeira vez que participábamos deste encontro, e quedamos moi satisfeitos de pertencer a un grupo de xente onde non importa nin a idade nin a procedencia, tan só o gusto de crear e compartir boas experiencias.

A verdade é que a decisión de celebrar a comida nun restaurante tipo buffet foi un acerto, pois cada un comeu e bebeu o que máis lle gustaba, probando pratos e presentacións novas. De feito, Tanxedoira é un pouco como un buffet, onde cada un pode elixir o que máis lle gusta, formando un conxunto heteroxéneo, pero moi ben orquestrado para obter un resultado.

Cando xa tiñamos probado case todas as sobremesas, apareceron unhas guitarras e todos comezamos a cantar. Ao principio con sorpresa, con agrado despois, todo o salón seguía o ritmo das melodías que se propoñían. Algúns bailaron, outros recitaron, e ata conseguimos que unha parella, que celebraba o seu aniversario, desfrutara dun momento especial.

En definitiva, foi unha moi boa oportunidade para confraternizar e confirmar que Tanxedoira non é so un grupo de xente que canta ou toca un instrumento. A familia Tanxedoira é moito máis. Grazas Tanxedoiros e Tanxedoiras por ser como sodes.

David Quilón 




24 jun. 2016

Impro en Melandrainas (4 Xuño)

Cando aprendes a andar en bicicleta normalmente falo aos poucos, primeiro coa axuda dos teus pais, cunha soa rodiña, despois sen rodiñas e finalmente vas ti soíño. Aos poucos vas collendo confianza, perdes os medos e ata te atreves a soltar as mans do guiador.

Os mozos de Impro de Tanxedoria estrearon a bici hai dous anos e o día 4 de xuño tocáballes camiñar sós polo carril bici de Melandrainas.

Aos poucos, con paso firme pero seguro, deixaron as rodiñas, apartaron os seus medos e os seus tabús e comenzarón a traballar en equipo chegando con éxito á meta e ata se atreveron a soltar as mans e saudar ao redor.

A confianza que adquiriron, e o bo rollo creado todos os luns en clase, permitiralles nun futuro facer moitas máis rutas na bici da Impro, que está desexando que a leven por una historia nova en cada pedalada.

O carril bici de Melandrainas dende logo axudou moitísimo porque é un verdadeiro pracer botarense a rodar nese escenario.

Traballar en equipo é fundamental, aínda que neste caso é traballar en familia porque para min xa son unha pequena familia.

BICOS MIL



Igor Vizoso

20 jun. 2016

SARDIÑADA - PING PONG

O próximo 2 de xullo terán lugar varios eventos na Asociación Cultural Tanxedoira. O máis relevante nestas datas será a celebración anual da Sardiñada de San Xoán, ás 18:00h no noso local social. Ademais, como non todo vais ser comer, teremos tamén un campionato de Ping Pong durante a Sardiñada, no local Tanxedoira, para ir chamando á fame. O Campionato de Ping Pong comezará ás 17:00h.

Os prezos da Sardiñada serán de 3€ por adulto e de balde para nenos ate 12 anos. 

Haberá listaxes de inscrición para os dous eventos no taboleiro de avisos do local.

AVISO: Por incompatibilidade horaria coa nova ordeanza municipal vémonos na necesidade de trasladar a sardiñada á casa dun socio, que vive preto do barrio. Os inscritos ao evento serán notificados coa ubicación onde terá lugar a sardiñada.

13 jun. 2016

Exposición Tanxedoira

Na semana do 20 ao 23 de xuño terá lugar ExpoTanxedoira, a mostra anual dos traballos elaborados polas actividades de Pintura e Labores. Esta mostra será de balde e estará dispoñible ao público de luns a xoves, de 18:00h a 20:00h.

Non faltedes!

8 jun. 2016

Excursión Fin de Curso 2016

O próximo 3 de xullo imos de excursión pola Peninsula do Barbanza! Pasaremos unha xornada cultural visitando lugares con encanto como o Miradoiro dá Curota, Dolmen de Axeitos, Dunas de Corrubedo ou o Castro de Baroña, aínda que tamén adicaremos tempo ao lecer, pasando a tarde na praia. A comida será de opción libre. Aqueles que o desexen poderán levar a comida de casa ou acudir a un restaurante da zona.Sairemos en autobús ás 8:00h (parada de autobús da rúa Camilo José Cela) e voltaremos ás 20:00h ao punto de saída. Non o dubides e únete á nosa viaxe para despedir o curso.

Prezos: 10€ Socios adultos, 8€ nenos menores de 12 anos e 12€ para os non socios.

Tedes listas de inscrición, xa no taboleiro de avisos da asociación. Tamén vos poderedes inscribir poñendovos e contacto coa directiva polas canles habituais. Haberá un límite de prazas para 55 persoas.

30 may. 2016

Ciclo de teatro en Melandrainas

Tanxedoira invade o Café Teatro Melandrainas, participando nas súas Xornadas de Teatro. Comeza este sábado có noso grupo de Impro sobre as tablas… e alá polo 11 de xuño, quenda do Grupo de Teatro Tanxedoira 
Estades todos invitados
 

9 may. 2016

Teatro Tanxedoira en Maio

Como cada ano, o noso grupo de Teatro comeza a súa tournée polas tablas coruñesas coa súa nova obra "¡Y quien nos manda hacer teatro!". As datas que non debedes perder, polo momento, son as seguintes:

- 14 de maio, no Calvo Sotelo ás 20:30h, dentro do Ciclo de teatro Don Bosco
- 17 de maio, no C.C Sagrada Familia, ás 20:00h, dentro do ciclo de teatro Hogueras de San Juan.


7 may. 2016

SINGULAR ENSAIO DO CORO

Neste país o sábado esta para gozar e é algo que aos Tanxedoir@s gústanos facer, así que non o dubidamos un momento e decidimos xuntarnos para cantar. Un ensaio diferente, un lugar distinto, a mellor compañía e, por suposto, un sábado. O sábado 16 de Abril de 2016, o sábado no que o Coro de Tanxedoira deixou a un lado o típico ensaio no local social e soltaron as súas voces na Igrexa do Mosteiro de Bergondo. Souperon a pouco as pezas que se ensaiaron de face ao festival do seu XXXVIII aniversario (O concerto, Quam Amabilis, Os Cregos e os Taberneiros e, por suposto, Cumpleaños Feliz) Cada vez máis se pode ver esa unión entre os coralistas, que ao final reflicte na calidade das interpretacións, ata nun marco tan serio é posible pasalo ben, así foi como se sentiron a maioría dos meus compañeiros.

Segundo un estudo levado a cabo pola Universidade de Gotemburgo, “o corazón das persoas que cantan nun coro latexa ao unísono e as súas emocións se sintonizan”, eu creo que iso é exactamente o que está ocorrendo no Coro, os seus compoñentes gozan co que están facendo, sen cobrar nada a cambio, sen pagar nada por iso, o goce polo goce, con humildade e profesionalidade, con ganas e paixón.

Desde a miña perspectiva GRAZAS, grazas aos meus compañeiros porque sen eles sería cantar de solista e xa non sería igual, grazas ao noso director David Loureiro pola paciencia que ten que ter connosco e por regalar os seus coñecementos, grazas ao público que nos acompañou e acompaña nestes momentos e por suposto ao párroco Rubén Aramburu por cedernos a Igrexa do Mosteiro de Bergondo para preparar este ensaio, distinto e especial.

Tino

 

17 abr. 2016

FORMACIÓN MUSICAL

Coa finalidade de profundar na formación musical que se ven impartindo aos compoñentes do coro e da rondalla, así como ao alumnado dos diferentes instrumentos que teñen as súas clases en Tanxedoira, facilitóuselles a posibilidade de participar nunha acción formativa adicada ao manexo de “Programas de edición musical”, e que foi levada a efecto nas instalacións da Asociación o día 9 de Abril, tendo unha duración de catro horas. A xornada tivo unha gran resposta por parte dos socios, malia desenvolverse un sábado en horario de tarde, éxito que poderá animar a repetir a experiencia con novos compoñentes dos citados colectivos.
 
 
 
A.C. Tanxedoira

6 abr. 2016

XXXVIII Festival Aniversario Tanxedoira


O vindeiro sábado día 23 de abril a Asociación Cultural Tanxedoira está de celebración, xa que este ano cúmprense 38 anos da súa fundación como Asociación Cultural. Nesta data tan sinalada, a entidade levará a cabo o XXXVIII Festival Aniversario Tanxedoira no Centro Cívico Os Mallos, onde agasallarán ao público asistente coas actuacións dos grupos artísticos da casa (Coro, Rondalla e Teatro) e contarán coa inestimable colaboración de dúas agrupaciones invitadas, que serán O Coro da Policía da Coruña e o Coro ADAYEUS. O evento, que será presentado por Leo Gomes, terá lugar ás 17:30h e será totalmente de balde.

Animámosvos a que asistades e compartades connosco este momento tan memorable para a familia Tanxedoira.
 
 

11 mar. 2016

UN DIA DO AMOR MOI ESPECIAL

Aos seres humanos gústanos vivir o AMOR, gústanos celebrar o AMOR, e por ese motivo temos un día específico para celebrar o AMOR, o 14 de Febreiro.

Os Tanxedoir@s considerámonos unha familia na que non pode faltar o AMOR. Por ese motivo, esa data en concreto, este ano foi máis especial se cabe, xa que a conxugamos cun evento moi especial: A nosa anual Laconada de Entroido!!!

Foi unha celebración especialmente divertida á que estabamos convidados toda a familia Tanxedoira, e para a que non dubidamos en sacar as nosas mellores galas, animándonos algúns mesmo a disfrazarnos e poñer así o noso toque de humor. Como non podía ser doutro xeito, cada vez que nos xuntamos non faltan as risas, a música e as cancións acompañados dunha gran parte do noso Coro e a Rondalla.

Mesmo celebramos un sorteo especial dunha enorme cantidade de obsequios! Parecían non acabarse nunca! hehehe.

Pero o que desde logo destacaría eu dese día foi o AMOR que se respiraba con tod@s os Tanxedoir@s.... VÉMONOS O ANO QUE VÉN!!!!

Py