21 ene. 2016

Laconada 2016

Tanxedoir@s!

O próximo domingo 14 de febreiro ás 14:30h terá lugar a nosa anual Laconada de Entroido. Este ano celebrarase no Centro Sociocomunitario do Barrio das Flores. O menú está composto por un bo cocido galego, filloas, bebidas e café. O precio é de 15€ para os adultos e de 8€ para os nenos (ata 10 anos). Haberá listaxes de inscrición no taboleiro de avisos do local para se inscribir ou se preferides tamén vos podedes anotar poñéndovos en contacto con calquer membro da xunta directiva. A data límite para se anotar é o próximo domingo día 7 de febreiro.

PD: Non exiximos etiqueta mais se queredes vir disfrazados á comida e así celebrar o Entroido todos xuntos como é debido, non estaría nada mal. 


19 ene. 2016

Festival de Nadal 2015

O pasado sábado 19 de decembro celebrouse o festival de Nadal, coa colaboración das encantadoras presentadoras, Sara Conde e Sara Silvestre. O local rexistrou un cheo absoluto, e iso que o Centro Cívico de Novo Mesoiro non é nada pequeno.

A primeira actuación da que desfrutamos foi a do Coro da Asociación, dirixido sempre con mestría por David Loureiro. Foi a mellor maneira de quentar ó público, xa que aplaudimos con forza despois de escoitar as pezas que nos cantaron. Vaia voces!

De seguido desfrutamos da magnífica actuación do grupo de frautas, que tamén levaron a súa boa tanda de aplausos. A continuación tocoulle o turno á representación teatral, subindo ó escenario Puri Seoane, interpretando un simpático monólogo sobre o que acontece nas ceas e nos bailes de fin de ano; qué risas botamos!

Despois foi a quenda dos alumnos de guitarra, dirixidos conxuntamente polos profesores Leti, Javier e Santi. Non hai dúbida de que son moi bos profesores, pero sobre todo… Canta paciencia teñen con nós!

O público aplaudiu moito, e incluso pediu “outra…outra..”, así que ánimo e a ensaiar para ter máis repertorio na próxima actuación!

Por último, tivemos a impresionante actuación da Rondalla, dirixida tamén por David Loureiro. Interpretaron varias fermosas pezas e responderon con alegría ás peticións dos bises ante a insistencia do público.

Igual que nos festivais anteriores celebrados nestas datas de Nadal, procedeuse á entrega de premios do concurso de postais que este ano foron para Juan Corral y Vega, na categoría de adultos e novamente para Sofía Amor, na categoría infantil.

Celebrouse tamén o sorteo dunha magnífica cesta de Nadal entre aqueles asistentes que adquiriron unha rifa no acceso ó Salón de Actos. Noraboa ó gañador!

Xa por último, agradecer ó noso querido Santa Claus que deixara por un momento o seu fermoso traballo preparando os xoguetes para os nenos, e que viñera a visitarnos, coa súa barba branquiña e cun amplo sorriso. Esperamos volverte ver nestas datas o próximo Nadal… e tamén a todos vós





Chary Castillo
 

4 ene. 2016

Actuacións ante colectivos sensibles

Coa chegada das Festas de Nadal, Tanxedoira volveu demostrar o seu compromiso con determinados colectivos que, polas súas circunstancias particulares, agradecen a calor e a alegría que emanan da nosa Asociación. Para iso, e a pesar de tanta festividade e de ser período vacacional nos colexios, moitos asociados non escatimaron o pouco tempo dispoñible para brindar un momento especial a eses colectivos, que sempre nos reciben con gran entusiasmo e agarimo, que é o noso mellor premio.

A nosa colaboración consistiu en actuar con grupos de voces e guitarras, en diversas datas, nas seguintes entidades: Fundación ADCOR, Centro SANTIAGO APÓSTOL e nas Residencias de Maiores TORRENTE BALLESTER, SANITAS e a da residencia da Xunta, ubicada en OLEIROS.





José Luis Ponte