25 jul. 2016

Teatro en Arteixo

Ola:

Son unha seguidora de A. C. Tanxedoira.

En primeiro lugar, gustaríame destacar a vosa condición e o acolledores que sodes. Ademais, tamén quería agradecervos os bos momentos que facedes pasar ao público que vos seguimos nas vosas actuacións.

A tarde do sábado 11 de xuño, no Café-Teatro “Melandrainas” de Arteixo, pasamos unha tarde moi divertida coas vosas pinceladas de humor: La ciudad no es para mí e ¡Quién nos manda a nosotros hacer teatro!

Os asistentes gozamos moitísimo desta actuación.

Amalia Dacosta

24 jul. 2016

Saúdos da nova presidenta da Asociación

Como nova presidenta da Asociación, quero dedicar unhas palabras a todos os socios da mesma para poder presentarme a aqueles que non me coñecen.

Levo na Asociación 20 anos e entrei sendo unha nena. Doce ou trece aniños tiña eu e comecei con clases de frauta (pobre Rosa Louro que lle tocou aguantarnos a miña irmá e maís a min) e guitarra. Agora son eu monitora de guitarra e sempre presumo de aprender nesta asociación e ser eu agora monitora na mesma, porque se algo teño que agradecer a Tanxedoira son os valores que me inculcou: compañeirismo, altruísmo e dedicación por un ben común. Compañeirismo, grazas a compartir tantos momentos cos meus compañeiros da rondalla. Altruísmo por ofrecer os meus coñecementos ao resto dos socios simplemente polo feito de querer compartilos (guitarra e informática) e, por último, dedicación polo ben común que é facer que o nome de Tanxedoira sexa coñecido en toda A Coruña    ( e máis aló...).

Se hai algo que teño que destacar por encima de calquera cousa é a sensación de familia que achega Tanxedoira, onde dá igual que leves anos e anos sendo socio ou onde tan só sexas un recen chegado. Todos son acollidos cos brazos abertos. Mesturámonos nenos, mozos, adultos e non tan adultos para facer festas, festivais, excursións e comidas (porque outra cousa non pero aquí as caralladas, encántannos).

Comentar, para todos aqueles que non me coñecen, o importante que é Tanxedoira para min, pois practicamente crecín nela e vivín un sen fin de momentos e anécdotas e sen ela sentiría que me falta algo. Así que desde o meu novo cargo podo afirmar que vou tentar dar o mellor de min para que nosa pequena familia continúe como ata agora e siga crecendo.
E podo falar tamén polos meus compañeiros de directiva porque sei que darán tanto ou máis que eu para deixar o nome de Tanxedoira en moi alto lugar

Leticia Riestra

23 jul. 2016

Expo Tanxedoira 2016


Como todos os anos, ao finalizar as actividades de bolillos, labores e pintura, o alumnado expuxo os diferentes traballos realizados durante o curso. Tal exposición celebrouse no local de Tanxedoira durante os días 20 ao 23 de xuño, ambos inclusive. Parabéns a todos.

Quíxose aproveitar a oportunidade para solicitar a opinión dalgunha profesora, recollendo a mesma a continuación:

"ACTIVIDADE PINTURA. Curso 2015-2016"

MONITORA: Beatriz Carballido do Camiño.

Na actividade de Pintura da Asociación Tanxedoira, na que estou de monitora desde o ano 2014, fixemos un grupo dos máis variado en canto a idades, desde os 6 anos en diante. A maioría, nunca pintara antes. Deixamos que a nosa imaxinación flúa e que se definan as personalidades. Expresámonos e comunicamos. Pintamos porque é alucinante cada descubrimento que se fai, cada pincelada é unha nova posibilidade. Os alumnos cada vez que descobren unha nova mestura, unha nova cor, un novo efecto, esperta neles alegría, emoción, por iso, non ven aburrida a actividade. Tratamos de pasar un intre distendido, con bromas, cantando, e de cando en vez unas cantas voltas ao redor das mesas, que aos máis pequenos vénlles de marabilla para non perder a concentración.

É un ambiente non competitivo e relaxante, onde o alumno aos poucos vai vendo a súa progresión, sobe a súa autoestima e aínda que somos un grupo, cada traballo é individual. Danse ánimos cando a algún non lle sae ben e dan o parabén cando algún acaba o seu cadro.

Fanse unha media de dous cadros por alumno durante o curso, moi elaborados. En definitiva, a arte humanízanos, axúdanos a comunicarnos, perdemos a timidez e, en certa maneira, fainos ver un mundo menos malo. Ata o próximo curso!!

A. C. Tanxedoira.

15 jul. 2016

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO 2015-2016 PENÍNSULA DO BARBANZA


O domingo día sete de xullo, ás oito da mañá, unha hora de loucura despois do estupendo trafego da tarde noite anterior na Festa da Sardiñada, poñémonos en marcha dispostos a conquistar a Península do Barbanza, entre as rías de Muros-Noia ao norte e a de Arousa ao sur. A maná preséntase fresquiña, co sol espreguizándose e apartando con coidado algunhas nubeciñas folgazanas.

Saímos para Santiago sentíndonos os donos absolutos da autopista. Sono de máis nos ollos para sermos capaces de desfrutar da marabillosa paisaxe, mais iso amáñase ao chegarmos a Padrón. Que doado resulta agora introducirse pola feira, aínda que só sexa por un momento! Nos meus tempos mozos, cruzar a vila un domingo de feirón era unha tortura pola multitude de vehículos e sen posibilidade de deixar a caravana ata moito despois de ter pasado as ofertas. Un curioseo rápido, un café e algo máis, e volta ao coche de Daniel e a seguir ata a Pobra do Caramiñal para asomármonos ao mirador da Curota, desde cuxos case cincocentos metros de altura se poden ver parte das rías de Pontevedra, Vigo, Arousa e Muros-Noia. Os valentes, case todos, subiron ata o cume, loitando contra un vento que adorarían todos os perruqueiros e perruqueiras do mundo. As máis cagainas ficamos un pouco máis abaixo, desfrutando da marabillosa conntorna. Os sombreiros e chapeus mercados na feira fixeron piruetas e pinchacarneiros que obrigaron a correr a máis de un.

A iso do mediodía chegamos ao dolmen de Axeitos, un monumento funerario megalítico, levantado na época neolítica (IV milenio a. C.). Oito grandes laxas de granito fincadas na terra conforman unha planta poligonal sobre a que se apoia outra lousa horizontal de 4’5 por 3’5 metros; aínda conserva as laxas que conformarían o corredor de entrada. Resulta moi interesante e está situado nunha paraxe preciosa.

Continuamos hacia Corrubedo para ver moi de pasada a súa marabillosa duna móbil. Os que a vieron sen presas din que é tan espectacular que o lugar serviu de marco para escenas de películas ambientadas no deserto. Con máis de 1 km de longo, uns 250 metros de largo e uns 20 metros de altura observámola desde a distancia, branca coma unha marabillosa raíña da area. Mentres, Jesús envía as fotos que dan conta da viaxe para quen quedou na casa. Todos sorrintes. Así dá gusto.

Á hora de comer, o grupo fai eleccións diversas: praia, piñeiral ou restaurante para xantar seriamente (está todo reservado) ou de petiscos, que resulta xenial: racións en oferta variada, todo saboroso e recén feito, sol e brisa agradable.

Logo o castro de Baroña. É un castro de tipo marítimo, tanto pola súa ubicación, coa praia de Arealonga aos seus pés, como polo medio de vida dos seus habitantes. A beleza e singularidade deste castro radica na súa ubicación. Está situado nunha pequena península rocosa, separada da terra por un istmo de area. Foi ocupado entre os séculos I a. C. ao I d. C. Na totalidade do conxunto obsérvase aproximadamente unhas 20 vivendas de planta circular ou oval, sen portas nin fiestras, e con banco corrido en todo o perímetro.

Atravesamos Porto do Son e Portosín con silencio de sesta e para cerrar a jornada eliximos a ribeirense praia das Furnas, inmensa, toda nosa para desfrutar ao gusto de cada quen. Eu escribo. Redacto estas liñas pensando que así, quizais, se reflicta unha migalla do solpor. Non estou soa, pero nun instante si que o parece e unha voz amiga achégase para invitarme a unha tertulia ubicada uns pasos máis abaixo. Agradezo a invitación, mais continúo a escribir. Que luxo poder facelo aquí, escoliando as ondas e as gaivotas que procuran bocadillos esquecidos!

Nun intre o autobús devolveranos a casa. Que marabilla de día! 
 


Rosario Barros Peña  

11 jul. 2016

Nova xunta directiva

Estimados soci@s:

O pasado venres, 1 de xullo de 2016 tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria da Asociación Cultural Tanxedoira, na cal foi nomeada, por unanimidade de votos, a nova executiva que rexirá esta entidade durante os próximos catro anos. Quedando constituída da seguinte forma:

Presidencia: Leticia Riestra Ainsua
Vicepresidencia: Roberto López Boado
Tesourería: Cristino Conde López
Secretaría: Noemí Iglesias López

A Xunta Directiva inicia esta nova etapa con moitos proxectos e ilusións, máis, sobre todo, co compromiso de traballar arduamente por e para o beneficio da Asociación e os seus membros, facendo todo o que estea na súa man por manter o bo funcionamento que caracteriza á nosa entidade.

A Xunta Directiva queda á total disposición dos socios, mediante calquera dos canáis de comunicación e consulta dispoñibles.
 
 

 

4 jul. 2016

Festival Fin de Curso 2015/2016

Un ano mais despedimos o curso diante dun público incondicional que encheu o salón de actos do Centro Cívico de Novo Mesoiro. A tradicional exhibición das nosas actividades tivo unhas simpáticas presentadoras, Elsa e Nuria, que nos fixeron desfrutar mentres se viñan arriba.
 
As coordinadas melodías do CORO, ou a mímica interpretación do GRUPO DE TEATRO arrincaron un sin parar de aplausos. Logo unha gran coreografía por parellas do BAILE LATINO, precedidas polas nosas polifacéticas bailarinas, Silvia e Leticia, (e máis a cativa Noelia) bailando a canción de Tito Puente “Oye como va” … deixaronos xa sen alento. Para descansar entregáronse os premios do concurso de fotografía e os obsequios aos sacrificados monitores das actividades.
 
Logo subiu a escena o multitudinario grupo, dos mozos e xubilados, de GUITARRAS que conseguiron tocar ao unísono as súas cancións. De seguido aparecen as luces danzantes no escenario facendo maxia co grupo convidado Urban Dance MELANDRAINAS e como colofón, o deleite da RONDALLA.

Todos os grupos atenderon aos gritos de “outra, outra” para que o público levara un bo sabor de boca. Mentres tanto, pasa un feliz verano e volta o próximo curso con ganas de apuntarte a calquera das actividades de TANXEDOIRA .
 
Antonio González
 


 

Comida Grupos Artísticos

O día 12 de xuño celebrouse a comida de grupos artísticos na que os membros da Asociación puidemos compartir momentos moi entrañables. 

Para min e a miña familia era a primeira vez que participábamos deste encontro, e quedamos moi satisfeitos de pertencer a un grupo de xente onde non importa nin a idade nin a procedencia, tan só o gusto de crear e compartir boas experiencias.

A verdade é que a decisión de celebrar a comida nun restaurante tipo buffet foi un acerto, pois cada un comeu e bebeu o que máis lle gustaba, probando pratos e presentacións novas. De feito, Tanxedoira é un pouco como un buffet, onde cada un pode elixir o que máis lle gusta, formando un conxunto heteroxéneo, pero moi ben orquestrado para obter un resultado.

Cando xa tiñamos probado case todas as sobremesas, apareceron unhas guitarras e todos comezamos a cantar. Ao principio con sorpresa, con agrado despois, todo o salón seguía o ritmo das melodías que se propoñían. Algúns bailaron, outros recitaron, e ata conseguimos que unha parella, que celebraba o seu aniversario, desfrutara dun momento especial.

En definitiva, foi unha moi boa oportunidade para confraternizar e confirmar que Tanxedoira non é so un grupo de xente que canta ou toca un instrumento. A familia Tanxedoira é moito máis. Grazas Tanxedoiros e Tanxedoiras por ser como sodes.

David Quilón