30 jun. 2017

ExpoTanxe


Outro ano, os traballos artísticos do nutrido grupo do alumnado de bolillos, labores e abelorios fixeron posíbel montar a tradicional EXPOTANXE, que ficou aberta ao público desde o 12 ao 16 de xuño, ambos os dous inclusive, no local social de Tanxedoira.

Rematado o curso, a profesora de abelorios, Paula Lema, achéganos unha visión sobre a actividade que impartiu ao longo do curso:

"Un momento de descanso e tranquilidade: iso é o que pretendin conseguir coa realización deste curso. Que o traballo coas mans faga voar un pouco a creatividade e a diversión. Ese é o meu pequeno propósito para quen se anime a se achegar ao local e probar. E iso ímolo intentar coa vosa axuda e coa miña desde a aprendizaxe".

P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería
Paula Lema

20 jun. 2017

Festival de Fin de Curso 2016-2017

O sábado 17 de xuño celebramos o Festival de Fin de Curso de Tanxedoira no salón de actos do centro cívico de Novo Mesoiro, foi un día moita calor, mais calurosos tamén foron os aplausos que houbo pola cultura e a arte mostradas no festival, e que imos repasar.

Dúas rapazas simpáticas da canteira de Tanxedoira foron presentando as diversas actividades e actuacións. E que mellor que comezar coa actuación do coro de Tanxedoira que cantaron un par de boas cancións. De seguido un trío de acordeonistas tocaron con valentía pezas populares. 

Subimos á palestra os de guitarra para poñermos en práctica as ensinanzas de Leticia e Javier, con acompañamento coral e máis instrumental.

O escenario converteuse nunha pista de baile latino coa coreografía desta movida actividade, e mesmo o movemento trasladouse polos andadeiros da zona de cadeiras.

Un quinteto de pequenas grandes frautistas fixeron soar as frautas con doces melodías.

Nunha nova actividade, pandeireteiras e pandeireteiros tocaron e cantaron dúas pezas tradicionais.

O grupo de teatro interpretou unha escena de humor, en que son premiados especialistas.

A presidenta e o tesoureiro agradeceron, en nome de todos e todas a todos os monitores e monitoras das actividades a súa xenerosidade e a súa dedicación, e fixeron entrega a cada un deles dun abelorio feito polo alumnado desta actividade.

O colofón ao festival púxoo a rondalla Tanxedoira, o seu repertorio e a súa mistura de instrumentos fixeron que se escoitase música magnífica.

E para rematar, desexar que teñamos un bo verán e vernos nos vindeiro curso e próximos festivais, que serán os do 40º aniversario.

P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

Jose Antonio López


17 jun. 2017

Comida Fin de Curso Grupos Artísticos.

Ola, amigos e amigas,

O sábado 10 de xuño tivemos unha comilona no local digna dun buffet de catro estrelas, polo menos.

Tiñamos tortillas variadas, ovos recheos, follado de xamón e queixo, lacón asado, bocartes en aceite, empanadas, friames variados,ensaladas de pasta, pastas riquísimas, melóns, queixos... en fin, de todo. E para alixeirar esta comida bailamos as avoas de noventa e tantos anos; as que non somos tan maiores, mais si avoas; as menos maiores que non son avoas; e as pequenas. É dicir, catro xeracións de bailarinas bailando felices.

Festa rachada ao son do karaoke, con música para todos os gustos.

E así finalizamos a festa, con cafés, manzanillas e poleos.

Tambén houbo partidas de cartas e, para rematar, limpamos o local entre todos os asistentes e deixámolo limpo coma unha patena.

E queremos dar as grazas a toda a directiva e aos colaboradores e colaboradoras que fixeron que este día fose posíbel.

Saíu todo requeteben!

P.D.: Para todas aquelas persoas que non estiveron este ano, recoméndovos que para o ano non perdades esta festa.
P.D2: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

Bicos.


Olga Espiñeira

10 jun. 2017

Grupo Pintura Tanxedoira Curso 2016/2017


O bo ambiente, a confianza e a ilusión entre todos e todas fai que este ano se percibise unha evolución en todo o alumnado, cuns cadros moi elaborados.
Entre pinceis, cores, música e de cando en vez algún baile, propuxémonos facer obras con algunha dificultade e logramos resultados moi positivos para todas e todos. Fican obras en proceso... a duración das aulas e a laboriosidade dos lenzos non fixo posíbel que se finalizasen, mais estou certa de que se rematarán.

Agora tócame a min: quero dar as grazas a Tanxedoira por darme a oportunidade de guiar a estes alumnos e alumnas que chegaron con moitísima ilusión e creo que a seguirán tendo, aínda que eu non continúe aí.

Foron tres anos moi gratificantes que nunca esquecerei. Chegan novos ciclos, proxectos e ilusións para todos.

Deséxovos moitos éxitos en todas as actividades.

Despídome de todos e todas cun forte abrazo.

Nunca esquecerei á miña rapazada de pintura.

Viva a cultura!
Bea Carballido


















6 jun. 2017

Teatro e mais teatro!




O pasado 17 de maio o noso Grupo de Teatro Tanxedoira representou por vez primeira este ano a obra “Hoy todo son líos”, que é unha adaptación da comedia de enredo “Un mal día” escrita por Hugo Daniel Marcos. A obra realizouse dentro dos actos do Día das Letras Galegas organizados pola Asociación de Meigas da Coruña. Coido que puidemos conseguir o que nos propomos sempre que nos poñemos diante do público: facelo pasar tan ben como nós desfrutamos nos ensaios, a pesar dos nervios que temos antes de saír! 

Repetimos a experiencia o pasado 1 de xuño no IES Calvo Sotelo dentro do Certame de Teatro Afeccionado Don Bosco, convocado pola Deputación da Coruña. Desta volta puidemos pulir un pouco máis se cabe a nosa actuación, mais pasándoo igualmente ben!

Polo momento, estas foron as nosas funcións, mais informarase puntualmente nos seguintes boletíns sobre as vindeiras actuacións.

Grazas e saúdos! 


Enrique Vela.





Tarde de festa en Geriatros (Montrove)

O Sábado 3 de xuño, os meus compañeiros e compañeiras de coro e eu xuntámonos, xa que nos convidaron a ir a Geriatros, en Montrove. Querían que lles fósemos cantar e alegrarlles a tarde aos avós e familiares e, claro, o noso director propúxonolo e alí fómonos todos e todas encantados. Digo todos porque no coro temos un grupo de nenas de entre cinco e dez anos que son a nosa alegría. A elas tamén lles gusta ir cantarlles aos avós, e estes cando as ven cantando entre os maiores alégranse moito. Tamén nos acompañou a nosa Presidenta, Leticia, coa súa guitarra, e algún compoñente máis da rondalla.

Os avós e os familiares participaban nas cancións, pois eran dos seus tempos e de tipo tradicional, como A Rianxeira, Ai Pepiño adiós e outras coñecidas por eles. Até algún se atreveu a botar un baile. Para nós foi unha grande satisfacción velos participar e gozar. Até o meu pai, que está alí ingresado e que nunca foi moi cantarín, participou en todas as cancións.

Estivemos a cantarlles de 17:30 a 19:00 horas, porén pasóusenos ese tempo voando, pois cando estás a gusto e sabes que tamén o están eles, non importa o tempo.

A nós uniuse María, outra compañeira do coro, que por motivos de saúde non puido cantar, mais participou facendo os vídeos e as fotos da actuación.

Só dicir que me sinto moi feliz sendo da familia Tanxedoira

Puri Seoane



5 jun. 2017

Entrega do "Cardo de Bronce"

O día 3 de xuño, a Comisión Promotora de Hogueras de San Juan da Coruña celebrou un acto de homenaxe aos galardoados cos premios “CARDO”, que concede a persoas físicas e xurídicas. A entrega de premios tivo lugar no Paraninfo do Centro Eusebio da Garda, e entre os obsequiados atopábase a nosa asociación, á que lle foi outorgado o “CARDO DE BRONCE” na súa modalidade de colectivo.

Ao acto de entrega asistiu a Presidenta de Tanxedoira, Dna. Leticia Riestra, acompañada do Director do Grupo de Teatro, D. Jesús García.

Confiamos en que tal recoñecemento sirva de aliciente para continuar avanzando no desenvolvemento do obxectivo cultural que ten fixado Tanxedoira.
NORABOA! aos socios, simpatizantes e amigos, así como ás entidades que nos mostran o seu apoio