27 jul. 2017

Excursión Fin de Curso 2017

A excursión deste ano non comezou con moi bo tenpo, mais si con bo humor, sobre todo as máis pequenas, que comezaron a cantar e desfrutar desde moi cedo.

A primeira parada foi Cedeira. Era moi cedo e a vila aínda estaba por despertar, mentres os tanxedoiros e tanxedoiras tomabanos un pequeno almorzo.

Despois desta parada, tomamos rumbo hacia Santo André de Teixido, onde todas as persoas que até alí fomos fixemos o ritual da fonte para conseguir tres desexos, alén de apañar unha herba para conseguir unha persoa de quen namorar (a quen lle fixera falta, claro!). E non podemos esquecer a obrigada visita á capela do santo.

Outra parada foi no mirador da Herveira, desde onde non alcanzamos ver nada agás nubes. E iso que está sobre os acantilados máis altos da Europa continental. Pola contra, si que vimos moitos cabalos e eguas que pacían libremente por aquela contorna.

Alcanzamos a metade do noso percorrido na praia de Morouzos, onde facía moitísumo vento, polo que a mellor opción era estar tumbado na toalla e co xersei posto.

O tempo melloraba conforme nos achegabamos a Estaca de Bares, o punto máis ao norte da Península Ibérica, e alí puidemos desfrutar dunhas vistas impresionantes.

Por último, O Barqueiro: unha vila cun encanto especial, a pesar das súas pequenas dimensións. Desfrutamos duns petiscos e, xa preparados, fomos, finalmente á praia do Esteiro, onde maiores e crianzas desfrutaron da pequena charca da ría con baños, xogos e demais... con isto púxose fin á excursión deste ano, en que aproveitamos moito o tempo, alén de coñecer moitos sitios e desfrutar moito.


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería
 
Carmen Paz

19 jul. 2017

FESTA DOS MAIOS

O coro e a rondalla Tanxedoira foron convidados a participar na IV Festa dos Maios que se celebrou no Concello de Valdoviño o día 20 de maio. A invitación realizouna a Asociación de Veciños Santiago Apóstolo de Lago, que merecen unha especial mención polas atencións que nos brindaron como anfitrións.

Os membros de ambos os dous grupos trasladámonos en autocarro até as marabillosas e envexábeis instalacións da asociación promotora. Tal catalogación está baseada tanto na súa ubicación como polas dimensións e dotación dos edificios, que, alén diso, contaban cunha gran zona verde e un parque de xogos para as crianzas.

No programa de actuacións, tamén se achaban incluídos as Cantareiras Álvaro Cunqueiro, o Grupo de Baile Galego Álvaro Cunqueiro e o Grupo de baile Moderno. Polo demais, os grupos de Tanxedoira pecharon as actuacións da tarde.

A grande asistencia de público fixo posíbel que os diferentes grupos recibisen un baño de calurosos aplausos.

As condicións climatolóxicas eran excelentes para desfrutar ao aire libre daquel entorno, polo que, ao rematar as actuacións, os grupos participantes fomos convidados a mollar as nosas gorxas d comer chourizos e liscos, preparados nunha grella que tiñan instalada no exterior, onde tamén se encontraban instaladas as mesas para os comensais.

Despois de termos comido e bebido, non podían faltar as cancións que amenizaron aquela tarde-noite, até que chegou o momento de partir de regreso á Coruñá.

Como é habitual xa nas nosas viaxes en autocarro, o traxecto de volta foi moito máis ameno grazas á iniciativa que xorde das máis pequenas e pequenos.



P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

David Loureiro

11 jul. 2017

Sardiñada

O pasado día 1 de xullo, celebrouse a tradicional sardiñada da nosa Asociación. Este ano, ao igual que o ano pasado, celebrouse na casa de Roberto, Ana, Jorge e Carmen.

Unha boa representación de tanxedoiros e tanxedoiras estivemos a desfrutar da agradábel situación e compañeirismo que se respiraba, namentres Manolo e Luis quentaban a grella para comezarmos a saborear os manxares da terra e do mar regado todo cun bo viño, agás para os cativos e cativas, como é obvio.

A comida estaba exquisita e desfrutamos un montón da leria dos comensais, dos partidos de fútbol organizados por Martin (non sei como facía, mais sempre gañaba el), das cabriolas dos nenos e nenas, acompañados do noso director do coro e da rondalla David, na cama elástica, así como da xa tradicional e disputada partida de cartas.

Daba preguiza marchar para casa, mais ao dia seguinte tiñamos que coller o bus para irmos de excursión. Porén, aínda así alongamos o evento todo o que puidemos. A verdade é que pouco máis se pode pedir: comida, bebida, xogos e amizade. Sempre é un pracer pasar unha tarde/noite con tan boa xente.


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

Cristino Conde

Alegrando á xente de Monelos-Paxariñas


O pasado 16 de xuño fomos convidados pola AA.VV. Monelos-Pajaritas a celebrar a festa do barrio que daba a benvida ao verán. E como non podía ser doutro xeito, os tanxedoiros e tanxedoiras colaboramos encantados para amenizar o día do residentes desta zona coruñesa. Deleitamos os peóns cun pasarrúas variado e alegre pola mañá, que comenzamos na porta do mercado de Elviña-Monelos. Logo desplazcámonos até unha sobrada praza diante dos Novos Ministerios, onde se nos uniu un espontáneo (funcionario, para máis sinais), que estaba tomando un café e arrincouse a canturrear con nós. A seguir, cantamos diante do bar Piscolabis e rematamos a xornada matutina no coñecido bar Jockey da rúa Brasil, onde nos agasallaron cunha saborosa empanada e auga fresca. Pasámolo de marabilla. 

Mais a cousa non rematou aí: pola tarde, fixemos unha actuación máis seria no palco instalado para a ocasión diante do Centro Cívico de Monelos, onde agardaban todos os veciños e veciñas para desfrutaren de diversos actos. Ao acto tamén acudiu o regidor da Coruña, Xulio Ferreiro, que dixo estar encantado coa iniciativa da AA.VV. Monelos-Pajaritas de realizar actos lúdico-festivos como o que se estaba a realizar, e felitiou os grupos asistentes: Gaiteiriños, Tanxedoira e Son de Monelos, polo seu grande labor e colaboración.

Coido que todos e todas desfrutamos moito da música e tamén das exhibicións das actividades de zumba e bailes de salón que realizaron algúns socios e socias da entidade organizadora.

Un enorme pracer. Agardamos que se volva repetir en vindeiros anos.


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

Gala Robles Vázquez