22 feb. 2018

Actuación no C. C. Os Rosais

O pasado sábado 17 de febreiro o Coro de Tanxedoira tivo unha actuación no Centro Cívico dos Rosais, por mor das actuacións que estamos a facer por todos os Centros Cívicos da nosa querida cidade.

No meu caso, en particular, había un problema engadido, pois eu non tiña nin remota idea de onde era este centro, xa que nunca estivera antes nel. E a pesar de ir moi ben acompañada poda miña amiga e compañeira Rosario, as dúas pasamos un anaquiño perdidas, mais ao fin preguntamos e demos co lugar, que se situaba baixo unhas figuras estrañas de cores chamativas, que xa nos chamaran á atención ao velas, pero que non sabiamos que baixo elas se atopaba o lugar ao que iamos cantar

Todos chegamos bastante puntuais e tentamos facerlle pasar un ratiño agradábel á xente que nos estaba a acompañar. Cantamos os nosos cantos de populares, algunha peza da tuna e rematamos, como non, grazas a que pediron que fixeramos un bis, con El toro y la luna.

Foi unha tarde entretida e vímonos entre amigos e familiares que, moi gustosos, viñeron a nos acompañar e, como non, a cantar con todos e todas nós. 
 
 
 
Carmen Santiago. 

17 feb. 2018

Festa da laconada


O día 10 de febreiro de 2018 recibín con satisfacción e sopresa a laconada no Javimar promovida pola Asociación Tanxedoira, porque vivín en primeira persoa o excelente ambiente de alegría familiar que reinaba entre os e as asistentes, entre os cales me estou a integrar porque son nova, recén chegada.

A animación de tres guitarristas aumentou a ledicia reinante toda vez que se sumaron aos cantos outros grupos que estaban no restaurante.

Mención aparte merece o sorteo de agasallos, xaque case había un por cada asistente. A pesar disto, houbo alguén a que lle tocaou máis dun regalo. Do mesmo xeito, animo á Xunta Directiva a promover sempre eventos deste tipo e suxiro que á laconada do entroido de cada ano haxa unha especie de “obriga” de ir todos con algún disfraz ou alegoría do entroido. Ou inclusive fomentar unha especie de comparsa e presentarse a concurso con este tipo de ideas ou eventos. Coido que iso axudaría a perdurar no tempo a esta asociación, polo menos, durante outros corenta anos. E até aquí a miña mensaxe positiva
 

P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería 
 
Olga Vecino

1 feb. 2018

A música popular soou no Centro Cívico de Monte Alto

Neste percorrido polos centros sociais da cidade herculina que ven levando a cabo o grupo de cantos populares da Asociación Tanxedoira, co motivo do seu corenta aniversario, non podía esquecerse dun dos dez barrios máis especiais de toda a Península Ibérica e o máis emblemático da Coruña: o barrio de Monte Alto.
 
E así, o pasado sábado, 27 de xaneiro, no salón de actos do seu centro cívico, ocupado por un nutrido grupo de veciños e veciñas, os e as compoñentes do cadro musical foron interpretando unha selecta variedade de cantos  de “andar por casa” moi coñecidos e que, ben dirixidos polo seu xove director, animaron e atraparon cas súas notas a todos os presentes que, pouco a pouco, foron fundindo as súas voces cas da formación vocal, ao mesmo tempo que facían soar rítmicamente as palmas.
 
É de agradecer que neste barrio, onde teñen o seu asentamento moitas formacións musicais e culturais de gañado prestixio (Aturuxo, Cantigas da Terra, Follas Novas ou Airiños da Torre, entre outras) a Asociación Tanxedoira poidera dar a coñecer todas as súas actividades, facendo fincapé en que todas elas son impartidas de forma totalmente de balde.
 
Agardamos que na próxima actuación do grupo de cantos populares, o vindeiro sábado, 17 de febreiro, en plenas festas do entroido, se poida dar unha nova mostra do bo facer desta colectividade cultural



Luis Landín