26 jun. 2018

Primeiras comuñóns na parroquia

Cando chegan estas datas, sempre convidan o Coro Tanxedoira para participar nas misas que se celebran na parroquia da Resurrección do Señor, do Barrio das Flores, onde se celebran as primeiras comuñóns comunitarias.
Cada domingo as misas son iguais. Nós somos os mesmos e cantamos as mesmas cancións, mais os que cambian son os nenos e nenas que son os que reciben por primeira vez o sacramento da comuñón. Xunto aos seus familiares, amigos e amigas véselles inquietos e nerviosas, agardando ese momento para o que se estiveron a preparar durante un ou dous anos.

O Coro está situado dentro da igrexa, de tal modo que podemos vivir toda a cerimonia desde unha posición privilexiada. Vémolos moi ben a todos eles, os peotagonistas: guapos alegres e expectantes, que xunto co resto de asistentes, participan na cerimonia cos cantos e coa “coreografía” á que nos convida a tomar parte unha entusiasta catequista.
Si, é verdade que son domingos moi especiais e por iso gústane compartilos xunto aos meus compañeiros e compañeiras.


Rosa Delia Moreno

9 jun. 2018

Certame de teatro

Co gallo do 40 aniversario da Asociación Cultural Tanxedoira, celebrouse un certame de teatro os días 12, 13, 19 e 20 do mes de maio, en que actuaron tres agrupacións teatrais coas que mantemos certa relación de amizade. E, ademais, para cerrar o ciclo tamén actuou o grupo de teatro da nosa asociación.

O sábado 12 de maio, inaugurando o certame, actuou o grupo de teatro Xiria coa obra de Carlos Llopis "Nosotros, ellas y el duende", que é unha comedia en tres actos.

A obra preséntanos a unha parella de novos a piques de contraer matrimonio. Pouco antes da data sinalada prodúcese o encontro entre as súas respectivas familias. O pai dela e a nai del, ambos os dous viúvos, namoran e, finalmente, prodúcese un dobre enlace. Esta circunstancia dá lugar a numerosas e divertidas situacións de enredo, das que sairán case sempre invictas as donas.

Un bo decorado deu vida aos personajes, que, cunha estupenda sintonía entre eles, souberon arrincar risas e aplausos en cada un dos actos en que se dividía a peza.

E debido ao bo momento que nos fixeron pasar, queremos agradecer aos nosos amigos e amigas de Xiria o teren participado neste certame.



A seguir, o domingo 13 de maio, actuou o grupo de teatro do colexio Salesianos, integrado por rapazada con idades comprendidas entre os 11 e os 12 anos, coa obra "A caixa de música". Conta a historia dunha boneca que sae da súa caixa e percorre unha “república libre e independente”, cun sinfín de enredos, até que consegue encontrar as súas amigas.

O bo facer destes novos actores e atrices, alén da posta en escena, fixeron que o número público estivera atento ao desenvolvemento da obra. Ao rematar a actuación, o elenco foi premiado con numerosos aplausos.

Vai desde aquí tamén o noso máis sincero agradecemeto a este grupo de teatro infantil a súa participación e colaboración desinteresada neste evento.



Continuando coas representacións, o sábado 19 de maio foi a quenda para o grupo ES3HA2, pertencente ao colectivo de Melandrainas Teatro (Arteixo). Esta agrupación está formada por xoves entre os 15 e os 18 anos, que nos ofreceron a obra "O soño dunha xoaniña", resultado da adaptación do conto de Rebeca Dautremer "A tartaruga xigante de Galápagos". Este conto é unha divertida alegoría que presenta un tempo de entroido en que a xoaniña quérese disfrazar de tartaruga, para o que lle pide axuda a todos os animais que encontra no seu camiño.

Cunha magnífica posta en escena, souberon alegrar e divertir o público asistente.

Tamén queremos dar as grazas a Melandrainas pola súa disposición e participación.



E para clausurar este certame de teatro, o domingo día 20 de maio foi o momento do grupo de teatro Tanxedoira, que representou a zarzuela "Agua, azucarillos y aguardiente", cuxo libreto foi escrito por Miguel Ramos Carrión, ao que lle puxo música o mestre Federico Chueca. Estamos, pois, ante unha peza cume dentro do género chico, ambientada no Paseo de Recoletos no Madrid de finais do s. XIX.

Ademais, contamos coa colaboración do Coro Tanxedoira e do grupo de baile da escola de danza Carmen.
A posta en escena, o lucido do vestiario, a estupenda interpretación (tanto do coro, coma do grupo de baile e os actores e actrices)… todo! Todo unido (e todos unidos) fixo que o numeroso público asistente aplaudira cada interpretación e se puxese de pé a aplaudir ao final da obra, chegando a vitorear “bravo!”.


Eu, como director, non me resta máis que dar a todos e a todas a miña noraboa e emplazar a todo o mundo para as futuras actuacións que xa nos están a solicitar.

E, máis unha vez, grazas a todas as persoas que fixeron posíbel, tanto na súa participación como na súa organización, este certame de teatro co que celebramos o 40 aniversario de Tanxedoira.
 
 
 
Jesús García

3 jun. 2018

Festival fin de curso

40 anos! Si, corenta anos leva Tanxedoira impartindo coñecementos de maneira altruísta a un incontable número de asociadxs, moitos dxs cales, posteriormente, continuaron con esa traxectoria de transmitir o aprendido a novos demandantes de coñecementos. E así foi como, aos poucos, chegouse até os nosos días, e que mellor reflexo de tal traballo que as actuacións que se realizan con motivo do Festival de Fin de Curso, en que se mostran as habilidades e coñecementos adquiridos.
O día 26 de maio foi o día elixido para facer esa demostración por parte de diferentes colectivos e, para iso, fíxose uso do teatro do Centro Cívico dos Mallos, lugar ao que acudiu un gran número de espectadorxs para gozar das actuacións programadas.

Por aquel escenario pasaron xs aficionadxs ás pandeiretas, mostrando a compenetración do grupo, para logo deixar paso a xs enamoradxs do acordeón, que ofreceron belas cancións. E que dicir do coro? Do mesmo xeito que sempre, as súas voces foron capaces de lograr a atención dos presentes, para deixar paso axs alumnxs de guitarra, cuxo amplo abano de idades chama poderosamente a atención, do mesmo xeito que ocorre co coro ou a rondalla. A festa estaba no seu ecuador e as novas presentadoras continuaban con adorable soltura guiando xs asistentxs por aquela tarde de celebración.

Seguía a mostra do aprendido, e non podía faltar o noso grupo de teatro que, cun estrato da obra “Agua, Azucarillos y Augardente”, fixo sorrir o público. Seguidamente, o máis importante ao meu xuízo, o recoñecemento xeral e público axs monitorxs, que recibiron un obsequio como agradecemento polo seu labor, deixando paso seguidamente ás bailarinas, que mostraron as súas habilidades con ritmos quentes. E para pechar o Festival, gozouse da música coa que obsequiou a rondalla.

Pasados outros corenta anos, algunhas das persoas presentes lembrarán os momentos especiais vividos con Tanxedoira, confiando que nese tempo vindeiro a Asociación calase con maior profundidade na sociedade.



P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería 


Jose Luis Ponte