25 may. 2019

Teatro Tanxedoira nas Hogueras de San Juan

Din que o meu é puro teatro... e é certo, pouco se equivocan!
Aínda que eu non o fago, non podo evitalo: o teatro corre polas miñas veas.
O meu nome é Susana e son a filla de dous grandes artistas.
Os que puidestes asistir ao encontro do 17 de maio no Centro Social Sagrada Familia xa comprobastes que o salón de actos estaba completamente CHEO.
Ás 19h o grupo de teatro Tanxedoira abría o telón e encandilábanos a todos e a todas cos seus “Recuerdos de zarzuelas”. En concreto, vimos tres fragmentos de tres obras que para min xa eran coñecidas, mais aínda así non me canso de ver:
- La Dolorosa
- La tabernera del puerto
- Agua, azucarillos y aguardiente
 
Desde o patio de butacas desfrutamos ao máximo: risas e algunha que outra bágoa. E é que as zarzuelas, para min son o recordo da infancia. Alén disto, o poder ver os meus pais xuntos, sobre o escenario, compartindo miradas, complicidade e bailes, foi unha moi grata sorpresa, que aínda me emociono agora que o lembro.
Por suposto, gustaríame AGRADECER e FELICITAR a todo o Grupo de Teatro Tanxedoira, non só polo seu grande labor e posta en escena, se non tamén polo traballo que hai detrás, algo que, moitas veces, non é visíbel: horas para preparar o escenario, vestiario, música, memorización dos guións, ensaios e... máis ensaios!
Vese de lonxe a dedicación deste grupo de persoas e as horas de empeño para que todo saia ben. Conozo moi ben, e de preto, a todo o elenco: GRANDES artistas e MELLORES persoas. Vamos, que me declaro fan incondicional de todas e todos eles.
Vémonos na próxima. Unha aperta e, con perdón... moita merda!


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

Susana García.

9 may. 2019

XLI Aniversario

Si, aínda que non o o creamos son xa 41 anos de esta nosa Asociación.
O 27/04/2019 comezaron os festexos do Festival XLI Aniversario xa ben cedo. Os compoñentes do coro  ás 10:30  da mañá xa estabamos no C. Cívico dos Mallos para ensaiar as cancións que iamos cantar pola tarde no festival.
Despois o ensaio de Rondalla, que rematou máis ou menos sobre as 13:00.
Comeza o Festival. Nervios. Ensaio de todos os grupos para quentar as voces e os instrumentos. Como en todos os espectáculos, antes de comenzar hai moitos nervios e carreiras para ter todo a punto.
TELÓN ARRIBA
Érguese o telón e… ABARROTADO!  Incríbel. Grazas a todos e a todas por asistir. Isto anima aos grupos a seguir traballando.
  
Os grupos que actuaron:
Coro Tanxedoira. Director:  David Loureiro.
Cantaron:
Siyahamba.
El valle del Cañete.
Aria Agraria.
DAVID, que paciencia tes con nós!! Grazas.
Pandeiretas de Tanxedoira. Directora: Cristina Sagra. Tocaron e cantaron:
Maneo de Cabaleiros.
Ribeirana de Aboal.
Jota de Oroso.
Coro Xoven da Esmu Pepe Valiña e a coral Xan Mella. Dra.:Tatiana Pankratova. Presentaron un programa  a base de temas pop, cantigas, habaneras e música sudamericana, acompañados polo pianista Pablo Queiro. A petición do público tiveron que cantar outra canción, xa que os aplausos non pararon até que comezaron a cantar unha canción en ruso que se titula:   KATIUSHA. Moi bonita!
Teatro: Dr. Jesús. Aquí tivemos un pequeno percance. Enfermou unha das protagonistas e non puideron facer o que tiñan previsto. Pero o director de teatro ten solucións para todo e el mismo arremangouse para facer un número sobre a guerra, tal cal o facía o mestre deste xénero: o  Sr. GILA. Que risas entre o público! Debería facelo máis a miúdo! Faino moi ben.
  
Srta. Marta Méndez: 
Unha rapaciña que ten unha voz espectacular e que nos deleitou cantando a bonita canción LELA.
Aplausos dos bos. Como canta a nena!


Rondalla Tanxedoira.  Dr. David Loureiro.
Tocaron:
Bonnie and Clyde.
El Vuelo del Cóndor.
When I´m sixty-four.
Danza de Albarellos. Esta última a petición do público, que no quería que rematara a festa.
FIN DO FESTIVAL
Dase fin ás actuacións faciendo entrega duns  detalles para os participantes.
Non me esquezo dos presentadores Carmen e José Luis. Fantásticos! Superando os erros do micrófono como mellor podían facelo, con HUMOR, que para iso son de teatro e saben improvisar.

Unha vez finalizadas as Actuacións, todos os participantes dirixímonos á Igrexa de S. Luis de Gonzaga, onde tomamos un pequeno picoteo e uns refrescos. E, coma sempre, todos xuntos cantamos as típicas cancións das festas. Grazas.
Non quero deixar de dar as GRAZAS a Don Manuel, párroco de S. Luis de Gonzaga, que nos cedeu o local onde tomamos os petiscos e a J. Antonio, que colaborou con nós de maneira exemplar.
Xa falta menos para o XLII ANIVERSARIO!


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería
Maxi García

Xuntos para a laconada

O pasado domingo 17 de febreiro celebrouse a programada laconada no restaurante Javimar.
Unhas cincuenta persoas démonos cita ás dúas e media para desfrutar e saborear a tradicional laconada que soe facer a Asociación Cultural Xuvenil Tanxedoira por estas datas do Entroido. 

Ao escribir isto venme un sorriso aos meus beizos polo de “xuvenil”, porque as persoas que estabamos alí... Ben, sen entrar en moitos detalles...: a idade está no cerebro e non nos anos vividos. Eu falo por min e supoño que aos demais halles pasar o mesmo: temos as mesmas ilusións de vivir e desfrutar da vida como se tivésemos vinte anos.

Ese era o ambiente que se respiraba nesa comida: alegría, bo humor, charlar, rir, saborear e desfrutar da comida en boa compañía.

O menú, o normal: unha sopa de entrante e logo o cocido cos seus grelos, patacas, garabanzos, lacón, costela, chourizo, orella...
De sobremesa, o típico tamén por estas dstas: filloas coa súa cremiña e mel (para que cada un a tomara ao seu gusto) e orellas.
Non faltou o correspondente café de pota coas súas gotas e... a repetir! E, posteriormente, ás seis da tarde, eu tiven que marchar porque tiña outros compromisos, pero xa estaban comezando a preparar as guitarras para iniciar a sesión de cantos populares en que participan todos os comensais e en que a xente desfruta plenamente. E conozo moi ben esta sensación, por telo vivido con anterioridade en numerosas ocasións, enchendo o cerebro de endorfinas, que se alguén non sabe o que son, xa lle digo eu que son as que producen a felicidade! Agradezo infinitamente á Directiva de Tanxedoira que me tiveran en conta para facer esta “reportaxe”, pois debido a miña idade e a distancia á que vivo impídenme colaborar con Tanxedoira como eu quixese, mais continúo aí para o que queirades e eu poida, mentre Deus mo permita! Unha aperta moi forte para todos e todas.


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

 
Germán Cortés

Cea do alumnado de baile o 12 de xaneiro

Só levo dous anos pertencendo a esta asociación, mais teño que dicir que me sinto tan a gusto como se estivese nela toda a vida. Aquí acóllente con moito cariño e sínteste integrada ao momento. Dá igual a idade, o sexo ou a condición social.
En Nadal fixemos unha cea o grupo de zumba e... alá fomos! Desde nenas até maiorciñas, mais a diferenza de idade non importou porque o pasamos pipa!
Agardo que a fin de curso se repita e que, como mínimos, o pasemos igual.

Fina Muñoz