18 ene. 2020

Festival de Nadal

O 21 de decembro tivo lugar o festival de Nadal da asociación. Para min é o primeiro! E comecei ao grande: tocoume ser presentadora do festival xunto ao meu compañeiro Isaac. Os dous estabamos moi nerviosos ao saír a presentar por vez primeira, mais, segundo foron pasando as actuacións, todo foi fluíndo. Xuntos, entre bambalinas, vimos os nervios e as présas de última hora por parte dos participantes. 

Puidemos desfrutar dunha actuación do coro moi acorde coa época do Nadal, con varias panxoliñas. Tamén vivimos actuacións de acordeón, pandeireta, un monólogo, rondalla e baile.
Mentres se entregaban os premios dos torneos e se sorteaban as cestas de Nadal, nós aproveitamos para cambiarnos de roupa, xa que era a nosa quenda de actuar con Rosa e as nosas compañeiras de baile.

Comezamos con algún que outro incidente, xa que non ía o equipo de música, mais nada que non se puidese solucionar. Os meus compañeiros e mais eu démolo todo e, pola miña parte, quedei con gañas de bailar un par de cancións máis.

Mais a festa non quedou aí: no local xuntámonos para beber, comer e continuar a desfrutar un bocado máis.



P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería



Marta Calviño

XVI Memorial Pepe Valiña. Baio (Zas)

Un ano máis celebrouse o festival Pepe Valiña.

Para min, a primeira vez que teño o pracer.

Na cabeza o pensamento de que por mor da chuvia, non se ía celebrar... Ou que a xente non ía querer ir!

Mais que va... quen dixo medo!  e aí fomos, aínda que parecía que caía o diluvio ese día.

A igrexa de Baio albergou a máis de catrocentas persoas que desfrutaron do festival, onde cancións sacras e laicas desbordaban as paredes do templo. As máis celebradas por todos foron as panxoliñas, non só por estarmos en decembro, senón polo espírito que nos facían sentir.

O festival foi sobrio, mais ameno, onde voces novas e vellas fixéronnos emocionar.

Unha vez o traballo feito, era hora de relaxarse e desfrutar dunha cea deliciosa, en boa compañía e amenizada ao final con cantigas populares, que fixeron as delicias de todos.

Pasámolo pipa. Calquera diría que xa pasada a media noite aínda quedaban forzas para seguir a festa no autobús. Pero así son as xentes que forman parte de esta agrupación: traballadoras e responsábeis, pero tamén alegres e dicharacheiras



P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería


Christopher John.