17 nov 2022

  Comida “de traje" inicio curso 2022-2023


E por fin, despois do parón por mor da pandemia, retomamos o inicio dun novo curso con toda normalidade. Loxicamente, iso implica a nosa xa tradicional “comida de traje”, porque “yo traje tortilla, yo traje ensaladilla rusa...”.

Se ben o quórum desta vez non foi moi elevado, os asistentes gozamos igualmente dos pratos elaborados (e tamén dos comprados!!) ademais de pasar un rato divertido bailando co DJ Loureiro (aqueles marabillosos anos); e tamén cos nosos cantos tradicionais acompañados coas guitarras de David e máis da miña. Botábase de menos pasar estes ratos coa familia Tanxedoira así que espero con gañas que veña a seguinte e oxalá sexamos moitos máis.. 

 


Leticia Riestra Ainsua
 
P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

8 sept 2021

Comezo do curso 2021-2022

Información relativa ao novo curso

Neste novo curso 2021/2022, a nosa prioridade absoluta é a de tentar retomar as nosas actividades, sempre e cando a situación derivada pola pandemia permita a realización das mesmas, cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias.

Por iso, en primeiro lugar, adquirimos e instalamos no local dispensadores automáticos de xel hidroalcólico, desinfectante e papel para poder manter as óptimas condicións de hixiene.

Tamén elaboramos un protocolo de actuación de limpeza e actuación para levar a cabo antes, durante e despois de cada unha das actividades. Este protocolo será facilitado co comezo o curso.

Por suposto, será obrigatorio o emprego da máscara en todo momento (agás frauta, por causas evidentes) así como a ventilación do local. Alén diso, haberá un límite de prazas nas diferentes actividades para cumprir, en todo momento, coa distancia de seguridade esixida por lei.

É tamén importante salientar que actividades como acordeón, frauta, guitarra ou bolillos/labores terán lugar no noso local por entrar dentro dos parámetros marcados polo Ministerio de Sanidade.

Porén, para aquelas actividades máis numerosas como Coro, Rondalla, Teatro ou Baile e Acondicionamento Físico,  contamos coa cesión temporal dos salóns de actos dos centros cívicos de Monelos e O Castrillón, aínda que estarán supeditadas ás propias actividades organizadas por estes centros cívicos.

 

Oferta de actividades

As actividades que ofertadas aos nosos socios son as seguintes:

  • Guitarra: Clases para aprender a tocar a guitarra española.
  • Frauta: Clases para aprender a tocar a frauta doce.
  • Rondalla: Grupo representativo da Asociación, interpreta unha grande variedade de estilos musicais por medio de frautas, guitarras, bandurras, laúdes e percusión.
  • Coro: Grupo representativo da Asociación, composto por coralistas que interpretan unha grande variedade de estilos musicais. 
  • Teatro para adultos: Grupo representativo da Asociación, composto por actores e actrices amateur con ánimo de pasalo ben, e deixar as vergoñas na casa, facendo diferentes obras de teatro pola nosa xeografía.
  • Bolillos e Labores: Clases para aprender a tecer, coser, palillar ou bordar, entre outras labores de artesanía. 
  • Fútbol sala: Partidas de fútbol amateur entre persoas de todas as idades. 
  • Baile: Clases de baile fitness; facer exercicio bailando cancións coreografiadas
  • Acordeón: Clases para aprender a tocar o acordeón
  • Acondicionamento físico. Clases de ximnasia para se manter en forma e saudábel 

 

O horario das devanditas actividades é o seguinte:

No caso de frauta e guitarra aínda están pendentes de confirmación por dispoñibilidade das monitoras.

As actividades desenvolvidas no local terán un límite de prazas de 20 persoas.

 

Proceso de inscrición

Para o proceso de inscrición teranse en conta dúas opcións: socios ou socios novos.


Socios

No caso de ser xa socio da entidade, a inscrición poderá facerse por medios telemáticos:

·        Escribindo por Whatsapp ou Telegram ao número 611052456

·        Enviando un correo electrónico a actanxedoira@gmail.com

 

En calquera dos casos, será preciso indicar o nome e apelidos do socio, así como a lista de actividades nas que desexa participar.

O período para a inscrición abrangue dende o luns 20 de setembro até o xoves 23 de setembro, ambos inclusive.

 

No caso de non poder facer a inscrición por medios telemáticos, existe a opción de facela de modo presencial (consultar o seguinte apartado).

 

Socios novos

Neste caso, haberá que acudir de xeito presencial, ao local Tanxedoira, nas seguintes datas:

·        Venres 24 setembro desde as 18:30h até as 20:30h.

·        Sábado 25 setembro desde as 11:00h até a 13:30h.

 

É necesario traer a seguinte documentación:

·        Número de conta bancaria

·        Foto carné do que será socio titular da unidade familiar, sendo imprescindíbel ter máis de 18 anos. (Pódese empregar una fotocopia en branco/negro)

A inscrición presencial é obrigatoria para novos socios xa que estes deberán cumprimentar a ficha de socio. Alén diso,  serán tamén informados das normas das actividades, así como do funcionamento da asociación.

 

A dirección do local é: Rúa Azahar 6-8 1º Andar Esquerda (Barrio das Flores)

https://goo.gl/maps/GUymW3A4JpF1bwpC9

 

Aspectos relativos á inscrición

Importante remarcar que para as inscricións terase en conta a orde de chegada (para aquelas actividades con límite de praza).

Alén, darase prioridade aos socios (de aí que as súas inscricións sexan antes) para despois ofertar o resto de prazas dispoñíbeis a posíbeis novos socios

Nota – aqueles socios que teñan que acudir de xeito presencial tamén terán preferencia.

 

Publicación de admitidos e comezo das actividades

O luns 27 publicaranse as listaxes de admitidos tanto na páxina web como no exterior do local.

As actividades comezarán o día 1 de outubro.

 

Cobro de cotas

O cobro de cotas terá lugar os primeiros días de novembro (para os xa socios)