23 nov 2009

Visita Cultural Novembro: Arquivo do Reino de Galicia

A Asociación Cultural Tanxedoira, consciente da importancia de fomentar os coñecementos humanos, e por tanto, sociais, e tamén dar a coñecer a nosa historia e cultura común a todos, programou a súa visita cultural deste Novembro-2009.

Neste caso, escollemos e acadamos permiso para visitar con guía unha das institucións más relevantes sitas na nosa cidade. Trátase do Arquivo do Reino de Galicia, un centro que recolle, custodia e difunde o patrimonio documental de Galicia, para o servizo da Administración e dos cidadáns.

O Arquivo do Reino de Galicia é un arquivo cuxa titularidade pertence ao Ministerio de Cultura e a súa xestión está cedida á Xunta de Galicia desde 1989. Atópase na Cidade Vella da Coruña no coñecido Xardín de S. Carlos.

Exerce funcións de Arquivo Histórico Xeral de Galicia e de Arquivo Histórico Provincial da Coruña, polo que custodia a documentación de ámbito galego ou provincial que producen as administracións locais, autonómicas e estatais.

O actual Arquivo do Reino de Galicia foi creado en 1775 por Real Orde do rei Carlos III. Esta orde ven plasmar unha concepción do mesmo ligada á ideoloxía da Ilustración, que tende a considerar estes centros como acumulacións de fontes históricas de interese para a recuperación da memoria da sociedade. Pero en realidade, a súa orixe áchase ligada á da Real Audiencia de Galicia (institución de carácter xudicial e gobernativo creada polos Reis Católicos), e ás disposicións que tanto Carlos V como a súa nai, Xohana, deron a primeiros do século XVI para que se puxesen a bo recado os preitos e expedientes da Audiencia. Paulatinamente, a autonomía do Arquivo foise consolidando. No século XX, acentúase a independencia do centro e perfílase con nitidez a súa función de Arquivo Histórico de Galicia.

Pola súa orixe, o ámbito do Arquivo é galego. O fondo da Real Audiencia de Galicia foi o núcleo sobre o que se fundou. Posteriormente, e desde mediados do século XIX, fóronse sumando a ese outros conxuntos documentais de carácter público ou privado. Existen tamén diversas coleccións, como as de documentos textuais (diplomas medievais fundamentalmente), a cartográfica, a iconográfica e a fotográfica. Na actualidade, o Arquivo reúne máis de 250 fondos diferentes que comprenden 121.000 unidades de instalación e 109.000 unidades documentais. Todos eles ocupan 17.000 metros lineais de andeis, aproximadamente. A súa cronoloxía é amplísima pois vai desde o ano 867 ata 2004.

Desde mediados do século XIX, foi adquirindo fondos de orixe diversa. O Arquivo alberga fondos que se remontan, no caso de diversos diplomas en pergamiño, ao século IX. Manuel Murguía exerceu de xefe do arquivo de 1870 a 1875, e en 2008 foille concedido o Premio da Crítica Galicia dentro da categoría "Iniciativas culturais".

Para todos os interesados e interesadas, avisámosvos que a visita será o vindeiro mércores 25 de novembro e teremos visita guiada e comentada dende as 19h ate ás 20:30, aproximadamente. Incidir, finalmente, que sendo o Arquivo unha institución que non está aberta ao público en xeral e que non se pode visitar individualmente agás os investigadores, ofrecémosvos unha oportunidade única de ter contacto e coñecemento dela. Só falta que vos animedes a participar.

Departamento de Cultura
Asociación Cultural Tanxedoira