31 dic 2014

Chocolatada 2015


Que mellor maneira de despedir o ano que cun chocolate con churros?

Esta é a forma en que os Tanxedoir@s despiden un ano cheo de actuacións, festivais e unha morea de bos momentos para a lembranza.

A iniciativa de facer a chocolatada xurdiu como pretexto para reunírmonos e celebrar xunt estas datas tan especiais. A xente respondeu de xeito moi positivo apuntándose de contado ao evento. O día 28 de decembro xuntámonos no local para que, tanto pequenos como maiores, lamberan os dedos co chocolate con churros mentres botaban unhas risadas. Había material a fartar, así que despois de servir a todos os asistentes aínda houbo quen puido repetir, que para iso estamos en Nadal.

Unha vez cheos coma pepes, os máis pequenos, e algún maior, divertíronse xogando ao tenis de mesa, mentres o resto de asistentes entretíñanse recordando vellos momentos ou mesmo impartindo unhas clases improvisadas de ganchillo e mus aos novos. 

Así, entre doces e amigos, remata o ano en Tanxedoira. Agardamos que o 2015 sexa aínda mellor. 

Feliz Ano, Tanxedoir@s!

Carmen Paz


24 dic 2014

Bo Nadal

A Asociación Cultural Tanxedoira deséxalles un Bo Nadal

Postal gañadora do Concurso Infaltil de Postais de Nadal Tanxedoira 2014.
Autora: Sofía Amor Manteiga

22 dic 2014

Actuacións de Nadal

Esta fin de semana estivo cargada de eventos e celebracións. Para comezar, o sábado ás 17h tivo lugar o Festival de Nadal Tanxedoira no Centro Cívico de Eirís. Por primeira vez en moito tempo tivemos que colgar o carte de “Aforo Completo”. Mais, por sorte, apretándonos unha miga conseguimos facer sitio para todo o mundo. Daba gusto ver o local tan cheo.

Este ano tivemos unhas presentadoras de luxo, que nos ensinaron a cociñar unha riquísima receita de Nadal. E, como cada ano, contamos coas actuacións do Coro e da Rondalla. Ademais, os alumnos de guitarra (que por pouco non caben dentro de escea todos xuntos de tantos que eran) deleitáronnos con dúas panxoliñas: Pelo roxiño, peza popular galega; e En Navidad, tema que popularizou a cantante canaria Rosana. A verdade é que deberon gustar, porque a xente quedou con gañas de máis. Tamén tivemos a sorte de asistir a un monólogo creado e posto en escea por Rosario Barros, integrante do Grupo de Teatro. Para finalizar o festival, tamén se sortearon as cestas para adultos e nenos, ademais de entregar os premios do concurso de postais de Nadal, que neste ano recaeron en Sofía Amor Manteiga e Gala Robles Vázquez, nas categorías infantil e adulto, respectivamente.

Pola contra, este non foi o único evento da tarde, xa que ao rematar en Eirís os membros da Rondalla e o Coro tiñan unha cita ineludible cos asistentes do XII Festival de Panxoliñas de Arteixo. Esta actuación non sería posible sen a axuda do noso amigo Gonzalo García, Presidente da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo e expresidente da nosa Tanxedoira. A el agradecémoslle profundamente a súa invitación e por ter contado con nós para compartir un evento tan especial. Na escea do Centro Cívico, as agrupacións musicais de Tanxedoira compartiron tablas co Grupo Municipal de Maiores de Canto A Baiuca, que quixeron deleitar ao público asistente con panxoliñas populares.

As actuacións foron todo un éxito, mais como colofón final houbo unha actuación conxunta e sorpresa dos coralistas da Baiuca e Tanxedoira, que entre ambas as dúas agrupacións agasalláronnos cunha improvisada interpretación da coñecida panxoliña Adeste Fideles.

Despois do festival, a agrupación arteixá ofreceunos uns petiscos para repor forzas e, como ven sendo frecuente entre os Tanxedoir@s, non podiamos deixar pasar a oportunidade de amenizar a inxesta de alimentos cunhas cantas cancións, como se non fora suficiente xa.

E por se os eventos do sábado non foran suficientes, o domingo ás 18h o coro Tanxedoira cumpría coa súa visita ao Centro de Maiores Sanitas da Coruña. O coro interpretou as súas mellores panxoliñas e algunhas sorpresas para entreter aos máis maiores nesta tarde previa e próxima ao Nadal. Despois de grandes pezas como Verbum caro factum est ou San Jose al Niño Jesús, David Loureiro, director do Coro Tanxedoira, facíase cunha guitarra e invitaba aos residentes a cantar coa nosa agrupación unhas cantas panxoliñas populares, para sorpresa dos asistentes. A idea tivo tan boa acollida, que ao final o público tomou as rendas da actuación, cantando, batendo palmas e pedindo bises. Tanto foi así, que a tarde derivou en todo tipo de cancións do agrado do público, lonxe xa do ámbito do Nadal, aínda que ese espírito estivo presente en todo momento. Sinceramente, este foi o mellor broche que podiamos imaxinar para esta fin de semana de música e ledicias.

Grazas a tod@s os que participastes e desfrutastes destes eventos. Isto débese a vós e para vós se fai.

Felices Festas, Tanxedoir@s!


18 dic 2014

Festival Nadal 2014

Lembrade que o próximo sábado 20 de decembro, ás 17:00h, se celebrará o Festival de Nadal Tanxedoira no C. C de Eirís.

Teremos actuacións musicais, pezas teatrais, sorteos, entregas de premios e unhas presentadoras de excepción para conducir esta tarde de sorpresas.

Esperámosvos! Estades tod@s convidad@s ao Nadal Tanxedoira!!



16 dic 2014

Gañadores Concurso Postais Tanxedoira

Ola!!

Xa temos  os gañadores do Concurso de Postais Tanxedoira. 
Son os seguintes:

- Categoría Infantil:

Gañadora: Sofía Amor Manteiga

Premiados accésit:

> Nuria Conde García
> Noelia Velázquez García

- Categoría adultos:

Gañadora: Gala Robles Vázquez

Noraboa ás gañadoras e moitas grazas a tod@s por participar!

Os premios entregaránse aos gañadores no Festival de Nadal do próximo sábado 20 de decembro que terá lugar ás 17:00 no C.C de Eirís.

A continuación, mostrámosvos as postais que participaron



Categoría Infantil: Carlota Blanco López


Categoría Infantil: Gañadora - Sofía Amor Manteiga


Categoría Infantil: Premio accésit - Noelia Velázquez García


Categoría Infantil: Hugo Calvo Robles


Categoría Infantil: Pablo Vizoso Patiño


Categoría Adulto: Gañadora - Gala Robles Vázquez


Categoría Infantil: Sara Conde García


Categoría Infantil: Premio accésit - Nuria Conde García


Categoría Infantil: Carmen López


Categoría Adulto: Igor Vizoso Domínguez


Categoría Infantil: Lorena Rodríguez Lamas










Apertas Tanxedoiros!