22 dic 2014

Actuacións de Nadal

Esta fin de semana estivo cargada de eventos e celebracións. Para comezar, o sábado ás 17h tivo lugar o Festival de Nadal Tanxedoira no Centro Cívico de Eirís. Por primeira vez en moito tempo tivemos que colgar o carte de “Aforo Completo”. Mais, por sorte, apretándonos unha miga conseguimos facer sitio para todo o mundo. Daba gusto ver o local tan cheo.

Este ano tivemos unhas presentadoras de luxo, que nos ensinaron a cociñar unha riquísima receita de Nadal. E, como cada ano, contamos coas actuacións do Coro e da Rondalla. Ademais, os alumnos de guitarra (que por pouco non caben dentro de escea todos xuntos de tantos que eran) deleitáronnos con dúas panxoliñas: Pelo roxiño, peza popular galega; e En Navidad, tema que popularizou a cantante canaria Rosana. A verdade é que deberon gustar, porque a xente quedou con gañas de máis. Tamén tivemos a sorte de asistir a un monólogo creado e posto en escea por Rosario Barros, integrante do Grupo de Teatro. Para finalizar o festival, tamén se sortearon as cestas para adultos e nenos, ademais de entregar os premios do concurso de postais de Nadal, que neste ano recaeron en Sofía Amor Manteiga e Gala Robles Vázquez, nas categorías infantil e adulto, respectivamente.

Pola contra, este non foi o único evento da tarde, xa que ao rematar en Eirís os membros da Rondalla e o Coro tiñan unha cita ineludible cos asistentes do XII Festival de Panxoliñas de Arteixo. Esta actuación non sería posible sen a axuda do noso amigo Gonzalo García, Presidente da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo e expresidente da nosa Tanxedoira. A el agradecémoslle profundamente a súa invitación e por ter contado con nós para compartir un evento tan especial. Na escea do Centro Cívico, as agrupacións musicais de Tanxedoira compartiron tablas co Grupo Municipal de Maiores de Canto A Baiuca, que quixeron deleitar ao público asistente con panxoliñas populares.

As actuacións foron todo un éxito, mais como colofón final houbo unha actuación conxunta e sorpresa dos coralistas da Baiuca e Tanxedoira, que entre ambas as dúas agrupacións agasalláronnos cunha improvisada interpretación da coñecida panxoliña Adeste Fideles.

Despois do festival, a agrupación arteixá ofreceunos uns petiscos para repor forzas e, como ven sendo frecuente entre os Tanxedoir@s, non podiamos deixar pasar a oportunidade de amenizar a inxesta de alimentos cunhas cantas cancións, como se non fora suficiente xa.

E por se os eventos do sábado non foran suficientes, o domingo ás 18h o coro Tanxedoira cumpría coa súa visita ao Centro de Maiores Sanitas da Coruña. O coro interpretou as súas mellores panxoliñas e algunhas sorpresas para entreter aos máis maiores nesta tarde previa e próxima ao Nadal. Despois de grandes pezas como Verbum caro factum est ou San Jose al Niño Jesús, David Loureiro, director do Coro Tanxedoira, facíase cunha guitarra e invitaba aos residentes a cantar coa nosa agrupación unhas cantas panxoliñas populares, para sorpresa dos asistentes. A idea tivo tan boa acollida, que ao final o público tomou as rendas da actuación, cantando, batendo palmas e pedindo bises. Tanto foi así, que a tarde derivou en todo tipo de cancións do agrado do público, lonxe xa do ámbito do Nadal, aínda que ese espírito estivo presente en todo momento. Sinceramente, este foi o mellor broche que podiamos imaxinar para esta fin de semana de música e ledicias.

Grazas a tod@s os que participastes e desfrutastes destes eventos. Isto débese a vós e para vós se fai.

Felices Festas, Tanxedoir@s!


No hay comentarios:

Publicar un comentario