26 dic 2015

Concerto de Nadal en Ordes


Festa en Ordes! No día de hoxe ,reunímonos con gran ledicia e máis expectativa camiño da actuación. Ás cinco da tarde partimos todos no bus con un bo acompañamento musical máis os sorrisos e conversas desta gran familia. Chegada a hora presentaron o seu repertorio o coro de Ordes, deleitándonos coas súas voces e as súas pandeiretas . A continuación, chegou a presentación de Tanxedoira. Un moi bo detalle dos presentadores foi recalcar o espiritu de dito grupo que é nada máis e nada menos que compartir a cultura galega e a súa música.

O público brindoulles un gran aplauso. Logo duns minutos tocoulle o turno á nosa rondalla deleitándonos, como sempre nos teñen acostumados, cos acordes das súas guitarras, frautas, pandeireitas, bandurras e os instrumentos de percusión. O director da mesma, despediuse desexando a todos os presentes unhas felices festas. O público animou coas palmas e un gran aplauso final. Para rematar o concerto, pecharon o espectáculo coa Banda Musical e a Coral Polifónica de Ordes.



María José Rodríguez 

20 dic 2015

Chocolatada 2015

Como cada ano por estas datas, non podía faltar unha CHOCOLATADA para reunir a todos os de Tanxedoir@. Este ano celebrouse o 20 de decembro coincidindo coas urnas para elixir presidente en España, un día moi longo. Pero chegaron as 7:30h da tarde e na asociación Tanxedoira a que eu e a miña familia pertencemos fai tres anos e da que nos sentimos moi orgullosos e moi ven acollidos. Alí poidemos desfrutar o resto da tarde moi a gusto como en familia, así me sentín.

Esta celebración debíase ás festas do Nadal e asistimos bastantes socios. Poidemos desgustar chocolate con churros acompañado dun biscoito en forma de boneco de chocolate e lacasitos caseiro. A festa estivo moi tranquila. Os nenos xogaron e cantaron panxoliñas mentres que os máis maiores charlaron e votaron unhas risas con Gala porque, para rematar a tarde, animaronse a ensinar fotos dende o ano 1989 ata o 2015. Fotos nas que eu e a miña familia saíamos, ata a miña pequerrecha que estivo moi arroupada por todos. Da gusto ver a toda a xente reunida e pasar unha tarde tan agradable. Síntome orgullosa de pertencer a esta asociación e espero facer máis xuntanzas como esta. Moitas grazas e ata a próxima.



Mónica López 
 

Postais do Concurso Postais Tanxedoira 2015

Ola!!

Xa temos  os gañadores do Concurso de Postais Tanxedoira. Son os seguintes:

- Categoría InfantilSofía Amor Manteiga
- Categoría adultos: Juan Corral y Vega

Noraboa ás gañadoras e moitas grazas a tod@s por participar!


A continuación, mostrámosvos as postais que participaron


Participante Infantil: Gabriela Lestón Quintela

Participante Infantil: Noelía Insúa Rodríguez

Participante Infantil: Lucía Carballido Leyva

Participante Infantil:Luna Lois Díaz

Gañador Infantil: Sofía Amor

Participante Infantil: Sara Conde García

Participante Infantil: Nuria Conde García

Participante Infantil: Elsa Da Silva Macenlle

Participante Infantil: Leo Monteserín Castro

Participante Infantil: Alba Monteserín Castro
Participante Infantil: Sofía Rivas González


Gañador Adulto: Juan Corral y Vega
Participante Adulto: Soledad Quintela Pérez
Participante Adulto: Leticia Riestra Ainsua




13 dic 2015

Colaboración con Cáritas San Cristovo das Viñas

O día 13 de decembro celebrouse o primeiro festival de San Cristovo das Viñas na igrexa de San Luís Gonzaga da Coruña (en favor dos máis necesitados) e como non podía ser doutro xeito, participaron o Coro e a Rondalla de TANXEDOIRA.

Temos entendido que o aforo da Igrexa chegaba a 400 persoas, de entre as cales se recaudaron un total de 900 euros gracias a un sorteo de rifas moi divertido.

Os grupos participantes eramos; Tanxedoira, Cantareiros de Naval, Gaiteiros de Betanzos, O mago Xoan e tamén dous nenos que fixeron unha demostración de que a arte lévase nas veas dende o berce, chamábanse Jonathan e Ainara.

O sorteo estivo formado por máis de 70 agasallos e ademáis unha estupenda Cesta de Nadal, valorada en 150 euros. A verdade é que pensei que este acto, nun principio, ía ser máis curto, pero con tanta actuación e tanto sorteo de rifas resultou unha tarde moi amena para todos nós.

Penso que nestas datas e, en todas en xeral ó longo do ano, o poder axudar a outras persoas dalgunha maneira, no noso caso cantando, é algo moi gratificante, que nos fai algo máis xenerosos, sobre todo tendo en conta que hoxe en día vivimos nun mundo no que, ás veces, sobra egoísmo e intolerancia.

O artífice de todo isto: Maxi, un bo compañeiro noso. Ti déchesnos as grazas a todos nós por participar neste acto, pero estás confundido, somos nós os que che damos as grazas a ti. Foi todo un pracer.



Sonia Rodríguez

12 dic 2015

Actuación Santa María de Oza

O pasado 12 de decembro tivo lugar a actuación do Coro de Tanxedoira na Igrexa de Santa María de Oza da Coruña.

Foi unha experiencia moi gratificante (para mín), cantar nunha Igrexa, e por primeira vez…

Os nervios non andaban lonxe, pero grazas a Deus (será porque estabamos na súa casa) fixo efecto o gran tazón de tila que tomara na miña casa había un anaquiño.

“Da Rosa , Rosiña”, “San José”, e “Mariñeiro” foron as pezas do Coro que xunto coa rondalla amenizou unha velada que resultou moi emotiva.

E o mellor de todo …Os aplausos?, Non, non, para nada. O mellor foi a festa no local de ensaio, cos pinchiños, o agarimoso discurso do “Dire” e o entrañable brindis co cava. (Desexando que este éxito deste día continuase para todo o longo do novo ano 2016).

Eu, xunto co meu fillo Samuel e varios amig@s máis, son unha recén chegada ó Coro (incorporámonos en setembro) e isto para nós era simplemente iniciar unha aventura máis, pero teño que dicir, en representación de todos nós, que a día de hoxe estamos encantadísimos de estar con vós e facédesnos sentir coma na nosa propia casa.

GRACIÑAS a todos, compañeir@s



Carmen Santiago 

17 nov 2015

Festival de Nadal

O próximo 19 de decembro terá lugar o noso anual Festival de Nadal. Este ano celebrarase no C. C de Mesoiro, ás 17:30h. Como xa ven sendo tradición, ademáis das actuacións dos grupos artísticos haberá tamén actuacións por parte dos alumnos de actividades da asociación como frauta e guitarra ou a nova sensación, bailes latinos. Tamén contaremos có sorteo duhna Cesta de Nadal, sorteo que se levará a cabo mediante a venda de rifas, e, por último, tamén se fará a entrega de premios correspondente ao Concurso de Postais de Nadal.

Invitamos a toda a familia Tanxedoira a que asista a este evento que facemos con tanto agarimo para todos vós. 

Comida Inicio Curso 2015


Como cada ano por estas datas non podía faltar a comida con motivo do inicio de curso.

Esta celebrouse o pasado 24 de Outubro, e a ela asistiron todos os tanxedoir@s que puideron, aportando deliciosos manxares que degustamos de moi bo agrado.

Foi unha boa xuntanza na que falamos, comemos, rimos, comemos, cantamos, comemos, bailamos e vimos un partido de fútbol, eso os homes claro. Pero como podedes observar o que máis fixemos foi comer......

En definitiva, deron as tantas e os tanxedoir@s sentíndose como na casa tardaron en deixar a festa, non sin antes dar aviso da seguinte quedada “Samaín”, neste caso merenda.

Todo transcurriu en armonía e con moita familiaridade, cousa que me agradou, xa que eu era a primeira vez que acudía.

Síntome afortunada de pertencer a esta asociación e espero con ansia a próxima xuntanza. Non faltedes.

María Castro

Pd - Podedes ver as fotos na sección de fotos da web o pulsando no seguinte enlace


8 nov 2015

Bases do concurso de postais navideñas de Tanxedoira 2015

O próximo luns 16 de novembro comeza unha nova edición do Concurso de Postais Navideñas Tanxedoira. Tendes ata o 14 de decembro para presentar as vosas obras. Como nas edicións anteriores, contaremos con dúas categorías:
Xoves, até 14 anos
Adultos, maiores de 14.

• As postais poderán se entregadas en calquera formato, aínda que é preferível o formato DIN A5. Tampouco existe ningunha restricción canto á cor.

• Poderase facer entrega do sobre participante no local social da entidade ou a través de correo postal: Asociación Cultural Tanxedoira, C/ Azahar Bloque 6-8, 15008, A Coruña. Ademais tamén se poderá facer entrega das postais participantes a través de Internet, entregando os mesmos datos na dirección: ACTanxedoira@gmail.com
 
• A entrega das postais participantes que se fagan por correo ordinario realizarase nun sobre pechado, en cuxo exterior indicarase o nome ou pseudónimo do autor. Dentro do sobre figurarán tamén os datos personais do autor (nome completo, dirección postal, teléfono, correo electrónico e data de nacemento. Ademais, tamén deberá aparecer o título que o autor lle outorga á súa obra. No caso de facer o envío por correo electrónico, todos estes datos deberán aparecer nun arquivo adxunto en formato .DOC

• O prazo de entrega das postais será establecido pola Xunta Directiva e a vocalía de Cultura da Asociación Tanxedoira. O día sinalado é sete días antes do Festival de Nadal.

• O xuri estará integrado por tres persoas, onde un deles, ao menos, terá experiencia no campo do debuxo, a pintura e/ou a fotografía. Elexirán ao mellor por maioría, aínda que ten a posibilidade de declarar o premio deserto.

• O luns da mesma semana do Festival de Nadal comunicaráselle ao gañador a decisión do xuri. Ademais, farase oficial nese mismo festival.

• A Directiva resérvase o dereito de empregar as postais participantes no concurso. De feito, a gañadora poderá ser empregada como representante de Tanxedoira ante outras entidades e os seus asociados, se así o consideran oportuno, tanto eles como o xuri.

• Pode descargar unha plantilla para crear a postal dende aquí

4 ago 2015

Actuación na Feria Medieval da cidade de A Coruña

Participar neste VII Encontro de Música Medieval organizado polos nosos amigos da Coral Polifónica Canticorum foi unha experiencia inesquecible.

Vivín un dos momentos máis intensos; a música para min significa moito e tocar aquí nun escenario tan fermoso como é a Igrexa de Santiago, neste evento da Feira das Marabillas, nun día tan especial e significativo para todos nós éncheme de alegría.
Agradezo aos integrantes da Rondalla Tanxedoira a oportunidade que me brindastes.
Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace
Marcos Pena Acosta.

3 ago 2015

Actuación do grupo de teatro Tanxedoira no Teatro Colón

Onte a cita foi no teatro Colón. A obra:"Usted puede ser un asesino" foi unha comedia chea de sorpresas ,hilarante e moi dinámica.
Todo comeza cando dúas amigas se van de vacacións deixando á fronte do fogar aos seus homes, eles deciden dar renda á súa "solteria", invitando a dúas mulleres amigas para pasar unha reunión agradable. Todo vese alterado ao aparecer un cadavér, dando lugar a sospeitas e dúbidas, xa que calquera pode converterse nun asasino...

Felizmente e entre risas a historia chega á súa fin cun longo aplauso do público.

Parabéns ao teatro, noraboa ao teatro afeccionado!

Moi ben os actores!

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace 


María José Rodríguez

31 jul 2015

ENTRE PEDRAS E AUGAS

Malia que o día era incerto en canto á súa climatoloxía, os asistentes a esta excursión de fin de curso presentáronse ao pé do autobús con ganas de vivir novas experiencias culturais e de ocio. E que mellor forma de comezala que cunha primeira parada na casa do Rei das Tartas, en Mondoñedo, onde os cafés e a bolería diversa achegarían as forzas necesarias, tanto aos " pequechos " como aos xa "adolescentes".
A primeira visita foi á máis antiga das catedrais románicas conservadas en España, o templo de San Martiño de Mondoñedo, cuxos inicios datan do século VI. As milimétricas explicacións dunha das súas guías lograron que todos os presentes se internasen en cada unha das esculturas e pinturas do interior e exterior do mesmo. Ah!, e o que máis e o que menos se pasou pola fonte do zapatazo para beber as súas augas e, así, asegurarse o benestar para as súas pernas... Ben, iso di a lenda.

De novo no autobús, e a través de marabillosas paisaxes, os excursionistas puideron chegar ao conxunto de acantilados que, esculpidos polo vento e o mar, forman a praia das Catedrais. Impresionante!!! E non só a divisaron, senón que pisaron a súa branca area e camiñaron entre as súas paredes de máis de trinta metros de altura e, os máis cativos, puideron mollarse nas súas cristalinas augas, o que provocou o lóxico cansazo e a apertura dun merecido xantar.
Serpeando á inversa o camiño, o casco vello de Mondoñedo (conxunto histórico-artístico dende 1985), foi o elixido para dar boa conta da diversidade de produtos culinarios, tanto de elaboración propia coma dos típicos do lugar, deixando o café e os xeados para ser degustados na súa praza central, á vez que (ao igual que o fixese Cunqueiro no seu tempo) contemplaban a súa catedral, monumento que data do século XIII.
Tras un pequeno percorrido pola vila, o asentamento costeiro do castro de Fazouro, nas proximidades de Foz, foi o seguinte punto de interese a visitar. Moito poderían falar as súas pedras (eu sí creo que as pedras falan) de tanta historia alí acumulada, xa que se estima a súa colocación entre os séculos I e III d. C.

E, ante tanto ámbito natural, non podía faltar o final clásico dunha excursión de verán: un anaco de sol e praia. O areal branco de Arealonga, con moderada ondada e encadrado entre o castro de Fazouro e os acantilados de Mosteiro, serviu de marco e punto final para este encontro cultural e de ocio que tan ben foi levado polos seus organizadores. Non se pode pedir máis... Ben, sí... que non cesen estes encontros.

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace

Luis Landín

30 jul 2015

Asalto ó castelo (Vimianzo)

O pasado 4 de Xullo os compoñentes do coro Tanxedoira xunto con algún compoñente da Rondalla, tivemos a oportunidade de participar na festa do "Asalto ao castelo" de Vimianzo.
Saímos pola mañá no bus guapísimos coas nosas camisetas novas. Pola mañá, en Vimianzo puidemos participar nos talleres da festa: fixemos un escudo, pintamos unha espada, fixemos pulseiras, trenzamos o pelo con flores...
Ao mediodía a nosa guía da festa nos levou a facer cantos de taberna polos bares da vila e disfrutamos moito vendo a xente cantando con nós.
Atopamos un sátiro que brincaba e berraba: "Vivan os taberneiros e taberneiras!" Era moi divertido, aínda que a Nuria e a Martín nos lles fixo moita gracia (hehehe).
Pola tarde fixemos unha visita ao castelo e tivemos a oportunidade preciosa de cantar no castelo de Vimianzo! Cantos medievais, tradicionais... e rematamos coa nosa canción do verán: Bailando, de Enrique Iglesias.
Encantounos cantar no castelo, foi moi emocionante.
Esperamos repetir o ano que vén.

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace 

Sara Conde García.

13 jul 2015

Resumo Sardiñada 2015



O día 27 de xuño celebramos a tradicional sardiñada de Tanxedoira.

Un nutrido grupo de tanxedoiros, tanxedoiras e tanxedoiriñ@s, reunímonos para degustar unhas saborosas sardiñas con cachelos, cociñados con esmero por Tino, David e Noemí.... O tempo deunos unha tregua, co que o desfrute foi total.

Boa comida, boa compañía, unhas nubes á grella, idea de Sofilove que estaban deliciosas! Que máis se pode pedir!... que a vella do bastón nos deixe tranquilos, ha, ha, ha...

En fin, é unha marabilla contar convosco, compañeiros, sempre estamos a gusto, contentos e alegres na vosa compañía. E se non vos gustan as sardiñas, esa é escusa, xa que o tempo que compartimos nestes acontecementos, sobre todo, alimentan o espírito.

Esta foi a nosa primeira sardiñada Tanxedoira, pero seguro que haberá moitas máis.

Un saúdo e ata a próxima!!!!

Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace


Leticia Amor Candamio

8 jun 2015

Festival Fin de Curso

Como cada ano a Asociación Cultural Tanxedoira celebra o seu Festival Fin de curso no que os alumnos dos diferentes grupos artísticos (Coro, Rondalla, Teatro, Guitarra, Frauta...) dan un recital musical e teatral para os asistentes. Este ano celebrarase o 20 de xuño, ás 17:30h, no Centro Cívico Mesoiro e será presentado polo cómico Tito Rober. A entrada ao recinto será limitada xa que conta cun aforo limitado de 120 persoas. 


5 jun 2015

Comida dos Grupos Artísticos

O pasado domingo día 31 de Maio, os tanxedoiros celebramos a comida dos grupos artísticos no restaurante "A Gurita" en Paderne. Comemos churrasquiño e os nenos e nenas encargámonos de vender as rifas e sortear os regalos, foi divertidísimo. E como non podía ser doutro xeito, acabamos cantando e bailando...esa foi a miña parte favorita!Aínda que chovía os nenos acabamos xogando fóra debaixo dunha parra e collemos caracois. Estou desexando que os maiores organicen outra comida de Tanxedoira.
Nuria Conde García
...

26 may 2015

XVIII Certame de teatro afeccionado Candilejas Don Bosco

O pasado 23 de Maio tivo lugar o XVIII Certame de teatro afeccionado Candilejas Don Bosco no colexio Calvo Sotelo da Coruña e o grupo de teatro Tanxedoira, dirixidos por Jesús García, representou dúas obras moi divertidas: "Usted puede ser un asesino" e "Mi mujer es el fontanero ".

O resultado foi todo un éxito! O xogo ao equívoco da trama tívonos a todos expectantes ante o desenlace desta e en todo momento acompañados por gargalladas provocadas polo excelente traballo dos actores.

Tamén me gustaría destacar o esforzo de todo o grupo para preparar o atrezzo necesario para ámbalas dúas representacións.

Bravo rapaces quedou xenial!!!





Gala Robles Vázquez

24 may 2015

Actuación da Rondalla Tanxedoira na residencia de anciáns de Sanitas

O pasado sábado 16 de maio Tanxedoira voltou actuar na residencia de anciáns de Sanitas, máis esta vez non co Coro, se non coa Rondalla. A actuación comezou ás 17:30h, xa todos os velliños estaban sentados desexando escoitar as nosas pezas, durante as cales se lles vía desfrutar cantaruxando e movéndose ao ritmo da música. Cando rematamos, para celebralo, convidaronnos a uns petiscos, como xa é costume, reflexando así o seu agradecemento. Nós, sempre contentos de facer disfrutar á xente, amenizamos esta tarde de sábado da mellor forma posible, mendiante a música. Eu sólo espero que voltemos moi pronto e que sigamos desfrutando, tanto eles coma nós, en cada actuación, como xa vimos facendo ata agora. 
 
 
 
Sara Silvestre Barbeito

20 may 2015

Xornada de Teatro: Mi mujer es el fontanero



Outro ano máis, a Comisión de Hogueras de San Juan convidounos a participar nas suas xornadas de teatro. Para o grupo de Teatro Tanxedoira sempre é un pracer actuar no esceario do Forum Metropolitano. Este ano a obra elixida para o evento foi “Mi Mujer es el Fontanero”, divertidísima comedia de enredo que conta a historia de Carlos, viúvo romántico, infantil e cheo de nostalxia, o cal se ve metido nunha ficción sobrenatural causada por mor duns cables pelados e un cano roto. O fontaneiro, Daniel, chega para reparar a avaría, electrocútase e Daniela, muller de Carlos, reencárnase nel. Todo isto leva a unha serie de confusións entre as persoas que viven arredor de Carlos; a súa nai que non dá crédito a que o seu fillo este con tres mulleres ao mesmo tempo (Maite, a veciña de arriba, atractiva e namorada de Carlos, e Mily, unha moza tola que quere ter un rollo con él) e inda por riba sexa gay. Por outra banda, Sandra, a muller do fontaneiro, dálle a noticia de que está embarazada, cando este está transformado en Daniela, ocasionando malos entendidos na parella, o cal dá lugar a pedirlle o divorcio. Por último, temos ao porteiro, home meticuloso que non dá crédito ao que alí está a pasar e que o único que quere e cobrar os seus recibos custe o que custe. 

O público asistente que encheu o Forum Metropolitano non parou de rir e aplaudir, sendo as felicitacións finais moi numerosas. 

Eu, como director, non teño palabras para describir o que se sente cando oes as risas e aplausos tanto no escenario coma entre bambolinas, sinal de que o público está a gozar cos personaxes que están en escea. Se isto acontece, teño que dicir que estes personaxes, nese momento son uns “verdadeiros actores”.

Dende aquí quero dar a noraboa aos actores e dar as grazas á Comisión de Festas de Hogueras de San Juan, a Juan Luaces pola súa paciencia e dedicación, a Montse en nome do Forum e a todo o público que nos acompañou.

Jesús García Fernández.


2 may 2015

Actuación na Fundación ADCOR


A actuación do 30 de abril no Centro Residencial da Terceira Idade ADCOR pareceunos un evento moi ameno e emotivo. Paga a pena ir a estes lugares, aínda que só sexa por ver as caras de satisfacción dos nosos maiores. Por outra parte, as alegres cancións tradicionais que cantamos (Salio de Jamaica, O galo, Catro vellos mariñeiros…) eran as máis axeiitadas para un xeriátrico, ofrecéndolles unha tarde diferente. É unha mágoa que o resto de socios de Tanxedoira non acompañen aos grupos artísticos para animar e pasalo ben, como todos os que estivemos en ADCOR. Ao final do acto, a fundación ADCOR convidounos a uns petiscos e a uns refrescos para repoñer forzas, mais o mellor agasallo foi, sen dúbida, a cara de satisfacción e a participación do noso público. Aproveitamos para dar as grazas a ADCOR e á Directiva de Tanxedoira por ser como son. Aupa Tanxedoira!

Maxi García & Olga Espiñeira

1 may 2015

Resume do Festival XXXVII Aniversario de Tanxedoira




FESTIVAL XXXVII ANIVERSARIO DE TANXEDOIRA

CENTRO CIVICO OS MALLOS – Sábado 25 de abril 17,30 horas


O festival prometía e o público acodiu con ganas de escoitar boa música e pasalo ben.

Con puntualidad abriu a actuación o noso Coro, arrincando aplausos entusiastas, sobre todo coa peza O voso galo comadre e co emocionante Cumpleaños feliz.

Pepe Capelán, o noso presentador da gala e que xa arrincara algunha gargallada nos momentos iniciais, aproveitou a ledicia para albiscar no horizonte do público en busca dalgunha autoridade competente que nos lanzase a obtención dun local máis acorde cos nosos méritos. Non houbo unha resposta inmediata, mais aí ficou a semente que quizais nalgún momento xermine.

A seguir, os nosos amigos dos Cantareiras do Naval, de Santa Cruz de Oleiros, encheron a escena de música e canciós. Sorrisos, aplausos e o público cada vez máis entregado. Os Cantareiros quedando sen voz e o público pedindo máis.

E saiu de novo Pepe Capelán, agochado tras os seus lentes, para promocionar o noso Grupo de Teatro, que por mor do inmedito das súas próximas actuacións non puido formar parte do festival. Pero Pepe deixou moi claro que hai que acodir ás representacións previstas para maio e aplaudir a rabiar, que seguro que o merecen.

Pero todavía faltaba o mellor. A Rondalla encheu a escena e a música inundou de encantamento as butacas. Oíanse murmurios de acompañamento e víanse no recordo imaxes de bo cinema. E ninguén desexaba que aquilo chegara ao seu fin. Porén, chegou e houbo que saír baixo a choiva.

Despois, no noso local, sinxelo pero moi acolledor, agardábanos unha magnífica merenda e máis música. Moita máis música, onde os nosos Cantareiros do Naval lucíronse outra vez e todos nós fixemos o que puidemos para que o día perdure no recordo ata a próxima celebración.


Rosario Barro

Campionatos Tanxedoira

No mes de xuño a Asociación Cultural Tanxedoira levará a cabo campionatos de Ping Pong, Tute e Parchís. ¿Cando? Tomade nota.
- Campionato de Tute: 6 de xuño, ás 17:00h
- Campionato de Parchís: 13 de xuño, ás 17:00h
- Campionato de Ping Pong: 27 de xuño, ás 18:00h


* Haberá listaxes de inscripción dispoñibles no Local Social da Asociación. Tamén será posible inscribirse a través de Whatsapp ou Telegram.
 
 

27 abr 2015

Promo Coro e Rondalla

Non todo vai ser festa en Tanxedoira. Despois dunha fin de semana de celebracións toca voltar ao traballo, así que tomade nota porque os nosos grupos artísticos saen de ruta:

Coro e Rondalla Tanxedoira:

- 30 de abril no Centro Residencial da Terceira Idade ADCOR (Monte de San Pedro) ás 18:00h

- 9 de maio no Melandrainas café (Arteixo) ás 17:00h. Para asistir a esta actuación é preciso ter invitación. En principio Tanxedoira conta con 20 invitacións iniciais para repartir entre todos aqueles interesados en asistir. Para reservar estas invitacións, por favor, poñédevos en contacto coa Directiva Tanxedoira.

- 16 de maio no Centro de Maiores Sanitas (Monte Alto) ás 17:00h (só Rondalla)



26 abr 2015

Promo Teatro



O noso grupo de teatro sae de Tournée" pola Coruña:
- O próximo domingo 17 de maio o grupo de teatro representará a obra "Mi Mujer es el Fontanero", no Forum Metropolitano da Coruña, ás 18:30h

- O próximo sábado 23 de maio actuarán no XVIII Certamen de teatro candilejas Don Bosco do centro Calvo Sotelo, coas seguintes obras:
          - "Usted puede ser un asesino" ás 18:00h
          - "Mi mujer es el fontanero" ás 20:30h
 
Estades todos convidados!!

24 mar 2015

Festival XXXVII Aniversario

O próximo 25 de abril, ás 17:30h, a Asociación Cultural Tanxedoira celebrará os seus trinta e sete anos de historia cun festival aniversario, no Centro Cívico Os Mallos.
 
O mestre de cerimonias do evento será o presentador da TVG Pepe Capelán que fará de fío conductor entre as actuacións dos grupos artísticos da Asociación Tanxedoira e o conxunto invitado, Cantareiros do Naval (Oleiros).
 
Convidámosvos a formar parte desta tarde de cultura tan especial para a nosa Asociación.
 
Non faltedes!
 
 

17 mar 2015

Laconada 2015

O pasado 21 de febreiro reunímonos, como todos os anos, para festexar o Entroido. Desta vez o sitio elixido foi l centro sociocomunitario do Barrio das Flores. O obxectivo era dar conta dun bo cocido, coa súa sopa, carnes, grelos, orellas, filloas, etc. En fin, que non faltou nada.
Cando terminamos de comer todas estas viandas, nada mellor que amenizar un pouco a tarde coas guitarras. Desta volta grazas a Leticia, David e Tito, cos que cantamos e algúns até chegaron a bailar esas cancións de sempre que tanto nos gustan. Ben, cando haxa outra ocasión (ben sexa noutro xantar, nunha cea ou nunha merenda) teremos a oportunidade de reunirnos formando este improvisado coro, onde o que realmente conta non son as voces, se non as gañas de pasalo ben e desfrutar da compaña de todos os tanxedoir@s.
Moitas grazas por asistir e vémonos noutra.
 
Tito González Gonta


14 feb 2015

II Certame de Fotografía Fernando Pombo

Un ano máis, a Asociación Cultural Tanxedoira organiza o Certame de Fotografía Fernando Pombo.

Este certame ten como propósito principal honrar a figura do noso benquerido Fernando, celebrando o seu amor pola arte, en especial as artes fotográficas, e mantendo viva a sua filosofía altruista, moi presente en Tanxedoira. 

Nesta segunda edición do concurso manterase a temática musical que marcou á edicion inaugural do 2014. Haberá dúas categorías divididas por idades, unha infantil (menores de14 anos) e outra para adultos (maiores de 14 anos). 

O prazo de presentación comeza hoxe, 14 de febreiro de 2015, e remata o día 31 de maio, ás 23:59h. 

Todo aquel que desexe participar pode consultar as bases do certame aquí