1 may 2015

Resume do Festival XXXVII Aniversario de Tanxedoira




FESTIVAL XXXVII ANIVERSARIO DE TANXEDOIRA

CENTRO CIVICO OS MALLOS – Sábado 25 de abril 17,30 horas


O festival prometía e o público acodiu con ganas de escoitar boa música e pasalo ben.

Con puntualidad abriu a actuación o noso Coro, arrincando aplausos entusiastas, sobre todo coa peza O voso galo comadre e co emocionante Cumpleaños feliz.

Pepe Capelán, o noso presentador da gala e que xa arrincara algunha gargallada nos momentos iniciais, aproveitou a ledicia para albiscar no horizonte do público en busca dalgunha autoridade competente que nos lanzase a obtención dun local máis acorde cos nosos méritos. Non houbo unha resposta inmediata, mais aí ficou a semente que quizais nalgún momento xermine.

A seguir, os nosos amigos dos Cantareiras do Naval, de Santa Cruz de Oleiros, encheron a escena de música e canciós. Sorrisos, aplausos e o público cada vez máis entregado. Os Cantareiros quedando sen voz e o público pedindo máis.

E saiu de novo Pepe Capelán, agochado tras os seus lentes, para promocionar o noso Grupo de Teatro, que por mor do inmedito das súas próximas actuacións non puido formar parte do festival. Pero Pepe deixou moi claro que hai que acodir ás representacións previstas para maio e aplaudir a rabiar, que seguro que o merecen.

Pero todavía faltaba o mellor. A Rondalla encheu a escena e a música inundou de encantamento as butacas. Oíanse murmurios de acompañamento e víanse no recordo imaxes de bo cinema. E ninguén desexaba que aquilo chegara ao seu fin. Porén, chegou e houbo que saír baixo a choiva.

Despois, no noso local, sinxelo pero moi acolledor, agardábanos unha magnífica merenda e máis música. Moita máis música, onde os nosos Cantareiros do Naval lucíronse outra vez e todos nós fixemos o que puidemos para que o día perdure no recordo ata a próxima celebración.


Rosario Barro

No hay comentarios:

Publicar un comentario