Malia que o día era incerto en canto á súa climatoloxía, os asistentes a esta excursión de fin de curso presentáronse ao pé do autobús con ganas de vivir novas experiencias culturais e de ocio. E que mellor forma de comezala que cunha primeira parada na casa do Rei das Tartas, en Mondoñedo, onde os cafés e a bolería diversa achegarían as forzas necesarias, tanto aos " pequechos " como aos xa "adolescentes".
A primeira visita foi á máis antiga das catedrais románicas conservadas en España, o templo de San Martiño de Mondoñedo, cuxos inicios datan do século VI. As milimétricas explicacións dunha das súas guías lograron que todos os presentes se internasen en cada unha das esculturas e pinturas do interior e exterior do mesmo. Ah!, e o que máis e o que menos se pasou pola fonte do zapatazo para beber as súas augas e, así, asegurarse o benestar para as súas pernas... Ben, iso di a lenda.
De novo no autobús, e a través de marabillosas paisaxes, os excursionistas puideron chegar ao conxunto de acantilados que, esculpidos polo vento e o mar, forman a praia das Catedrais. Impresionante!!! E non só a divisaron, senón que pisaron a súa branca area e camiñaron entre as súas paredes de máis de trinta metros de altura e, os máis cativos, puideron mollarse nas súas cristalinas augas, o que provocou o lóxico cansazo e a apertura dun merecido xantar.
Serpeando á inversa o camiño, o casco vello de Mondoñedo (conxunto histórico-artístico dende 1985), foi o elixido para dar boa conta da diversidade de produtos culinarios, tanto de elaboración propia coma dos típicos do lugar, deixando o café e os xeados para ser degustados na súa praza central, á vez que (ao igual que o fixese Cunqueiro no seu tempo) contemplaban a súa catedral, monumento que data do século XIII.
Tras un pequeno percorrido pola vila, o asentamento costeiro do castro de Fazouro, nas proximidades de Foz, foi o seguinte punto de interese a visitar. Moito poderían falar as súas pedras (eu sí creo que as pedras falan) de tanta historia alí acumulada, xa que se estima a súa colocación entre os séculos I e III d. C.
E, ante tanto ámbito natural, non podía faltar o final clásico dunha excursión de verán: un anaco de sol e praia. O areal branco de Arealonga, con moderada ondada e encadrado entre o castro de Fazouro e os acantilados de Mosteiro, serviu de marco e punto final para este encontro cultural e de ocio que tan ben foi levado polos seus organizadores. Non se pode pedir máis... Ben, sí... que non cesen estes encontros.
Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace
Pd - Podedes ver algunhas fotos pulsando no seguinte enlace
Luis Landín
No hay comentarios:
Publicar un comentario