19 ene 2016

Festival de Nadal 2015

O pasado sábado 19 de decembro celebrouse o festival de Nadal, coa colaboración das encantadoras presentadoras, Sara Conde e Sara Silvestre. O local rexistrou un cheo absoluto, e iso que o Centro Cívico de Novo Mesoiro non é nada pequeno.

A primeira actuación da que desfrutamos foi a do Coro da Asociación, dirixido sempre con mestría por David Loureiro. Foi a mellor maneira de quentar ó público, xa que aplaudimos con forza despois de escoitar as pezas que nos cantaron. Vaia voces!

De seguido desfrutamos da magnífica actuación do grupo de frautas, que tamén levaron a súa boa tanda de aplausos. A continuación tocoulle o turno á representación teatral, subindo ó escenario Puri Seoane, interpretando un simpático monólogo sobre o que acontece nas ceas e nos bailes de fin de ano; qué risas botamos!

Despois foi a quenda dos alumnos de guitarra, dirixidos conxuntamente polos profesores Leti, Javier e Santi. Non hai dúbida de que son moi bos profesores, pero sobre todo… Canta paciencia teñen con nós!

O público aplaudiu moito, e incluso pediu “outra…outra..”, así que ánimo e a ensaiar para ter máis repertorio na próxima actuación!

Por último, tivemos a impresionante actuación da Rondalla, dirixida tamén por David Loureiro. Interpretaron varias fermosas pezas e responderon con alegría ás peticións dos bises ante a insistencia do público.

Igual que nos festivais anteriores celebrados nestas datas de Nadal, procedeuse á entrega de premios do concurso de postais que este ano foron para Juan Corral y Vega, na categoría de adultos e novamente para Sofía Amor, na categoría infantil.

Celebrouse tamén o sorteo dunha magnífica cesta de Nadal entre aqueles asistentes que adquiriron unha rifa no acceso ó Salón de Actos. Noraboa ó gañador!

Xa por último, agradecer ó noso querido Santa Claus que deixara por un momento o seu fermoso traballo preparando os xoguetes para os nenos, e que viñera a visitarnos, coa súa barba branquiña e cun amplo sorriso. Esperamos volverte ver nestas datas o próximo Nadal… e tamén a todos vós





Chary Castillo
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario