O domingo día sete de xullo, ás oito da mañá, unha hora de loucura despois do estupendo trafego da tarde noite anterior na Festa da Sardiñada, poñémonos en marcha dispostos a conquistar a Península do Barbanza, entre as rías de Muros-Noia ao norte e a de Arousa ao sur. A maná preséntase fresquiña, co sol espreguizándose e apartando con coidado algunhas nubeciñas folgazanas.
Saímos para Santiago sentíndonos os donos absolutos da autopista. Sono de máis nos ollos para sermos capaces de desfrutar da marabillosa paisaxe, mais iso amáñase ao chegarmos a Padrón. Que doado resulta agora introducirse pola feira, aínda que só sexa por un momento! Nos meus tempos mozos, cruzar a vila un domingo de feirón era unha tortura pola multitude de vehículos e sen posibilidade de deixar a caravana ata moito despois de ter pasado as ofertas. Un curioseo rápido, un café e algo máis, e volta ao coche de Daniel e a seguir ata a Pobra do Caramiñal para asomármonos ao mirador da Curota, desde cuxos case cincocentos metros de altura se poden ver parte das rías de Pontevedra, Vigo, Arousa e Muros-Noia. Os valentes, case todos, subiron ata o cume, loitando contra un vento que adorarían todos os perruqueiros e perruqueiras do mundo. As máis cagainas ficamos un pouco máis abaixo, desfrutando da marabillosa conntorna. Os sombreiros e chapeus mercados na feira fixeron piruetas e pinchacarneiros que obrigaron a correr a máis de un.
A iso do mediodía chegamos ao dolmen de Axeitos, un monumento funerario megalítico, levantado na época neolítica (IV milenio a. C.). Oito grandes laxas de granito fincadas na terra conforman unha planta poligonal sobre a que se apoia outra lousa horizontal de 4’5 por 3’5 metros; aínda conserva as laxas que conformarían o corredor de entrada. Resulta moi interesante e está situado nunha paraxe preciosa.
Continuamos hacia Corrubedo para ver moi de pasada a súa marabillosa duna móbil. Os que a vieron sen presas din que é tan espectacular que o lugar serviu de marco para escenas de películas ambientadas no deserto. Con máis de 1 km de longo, uns 250 metros de largo e uns 20 metros de altura observámola desde a distancia, branca coma unha marabillosa raíña da area. Mentres, Jesús envía as fotos que dan conta da viaxe para quen quedou na casa. Todos sorrintes. Así dá gusto.
Á hora de comer, o grupo fai eleccións diversas: praia, piñeiral ou restaurante para xantar seriamente (está todo reservado) ou de petiscos, que resulta xenial: racións en oferta variada, todo saboroso e recén feito, sol e brisa agradable.
Logo o castro de Baroña. É un castro de tipo marítimo, tanto pola súa ubicación, coa praia de Arealonga aos seus pés, como polo medio de vida dos seus habitantes. A beleza e singularidade deste castro radica na súa ubicación. Está situado nunha pequena península rocosa, separada da terra por un istmo de area. Foi ocupado entre os séculos I a. C. ao I d. C. Na totalidade do conxunto obsérvase aproximadamente unhas 20 vivendas de planta circular ou oval, sen portas nin fiestras, e con banco corrido en todo o perímetro.
Atravesamos Porto do Son e Portosín con silencio de sesta e para cerrar a jornada eliximos a ribeirense praia das Furnas, inmensa, toda nosa para desfrutar ao gusto de cada quen. Eu escribo. Redacto estas liñas pensando que así, quizais, se reflicta unha migalla do solpor. Non estou soa, pero nun instante si que o parece e unha voz amiga achégase para invitarme a unha tertulia ubicada uns pasos máis abaixo. Agradezo a invitación, mais continúo a escribir. Que luxo poder facelo aquí, escoliando as ondas e as gaivotas que procuran bocadillos esquecidos!
Nun intre o autobús devolveranos a casa. Que marabilla de día!
