23 jul 2016

Expo Tanxedoira 2016


Como todos os anos, ao finalizar as actividades de bolillos, labores e pintura, o alumnado expuxo os diferentes traballos realizados durante o curso. Tal exposición celebrouse no local de Tanxedoira durante os días 20 ao 23 de xuño, ambos inclusive. Parabéns a todos.

Quíxose aproveitar a oportunidade para solicitar a opinión dalgunha profesora, recollendo a mesma a continuación:

"ACTIVIDADE PINTURA. Curso 2015-2016"

MONITORA: Beatriz Carballido do Camiño.

Na actividade de Pintura da Asociación Tanxedoira, na que estou de monitora desde o ano 2014, fixemos un grupo dos máis variado en canto a idades, desde os 6 anos en diante. A maioría, nunca pintara antes. Deixamos que a nosa imaxinación flúa e que se definan as personalidades. Expresámonos e comunicamos. Pintamos porque é alucinante cada descubrimento que se fai, cada pincelada é unha nova posibilidade. Os alumnos cada vez que descobren unha nova mestura, unha nova cor, un novo efecto, esperta neles alegría, emoción, por iso, non ven aburrida a actividade. Tratamos de pasar un intre distendido, con bromas, cantando, e de cando en vez unas cantas voltas ao redor das mesas, que aos máis pequenos vénlles de marabilla para non perder a concentración.

É un ambiente non competitivo e relaxante, onde o alumno aos poucos vai vendo a súa progresión, sobe a súa autoestima e aínda que somos un grupo, cada traballo é individual. Danse ánimos cando a algún non lle sae ben e dan o parabén cando algún acaba o seu cadro.

Fanse unha media de dous cadros por alumno durante o curso, moi elaborados. En definitiva, a arte humanízanos, axúdanos a comunicarnos, perdemos a timidez e, en certa maneira, fainos ver un mundo menos malo. Ata o próximo curso!!

A. C. Tanxedoira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario