24 jul 2016

Saúdos da nova presidenta da Asociación

Como nova presidenta da Asociación, quero dedicar unhas palabras a todos os socios da mesma para poder presentarme a aqueles que non me coñecen.

Levo na Asociación 20 anos e entrei sendo unha nena. Doce ou trece aniños tiña eu e comecei con clases de frauta (pobre Rosa Louro que lle tocou aguantarnos a miña irmá e maís a min) e guitarra. Agora son eu monitora de guitarra e sempre presumo de aprender nesta asociación e ser eu agora monitora na mesma, porque se algo teño que agradecer a Tanxedoira son os valores que me inculcou: compañeirismo, altruísmo e dedicación por un ben común. Compañeirismo, grazas a compartir tantos momentos cos meus compañeiros da rondalla. Altruísmo por ofrecer os meus coñecementos ao resto dos socios simplemente polo feito de querer compartilos (guitarra e informática) e, por último, dedicación polo ben común que é facer que o nome de Tanxedoira sexa coñecido en toda A Coruña    ( e máis aló...).

Se hai algo que teño que destacar por encima de calquera cousa é a sensación de familia que achega Tanxedoira, onde dá igual que leves anos e anos sendo socio ou onde tan só sexas un recen chegado. Todos son acollidos cos brazos abertos. Mesturámonos nenos, mozos, adultos e non tan adultos para facer festas, festivais, excursións e comidas (porque outra cousa non pero aquí as caralladas, encántannos).

Comentar, para todos aqueles que non me coñecen, o importante que é Tanxedoira para min, pois practicamente crecín nela e vivín un sen fin de momentos e anécdotas e sen ela sentiría que me falta algo. Así que desde o meu novo cargo podo afirmar que vou tentar dar o mellor de min para que nosa pequena familia continúe como ata agora e siga crecendo.
E podo falar tamén polos meus compañeiros de directiva porque sei que darán tanto ou máis que eu para deixar o nome de Tanxedoira en moi alto lugar

Leticia Riestra

No hay comentarios:

Publicar un comentario