Este curso é un curso moi especial para todas aquelas persoas que formamos parte de Tanxedoira. Este curso a nosa entidade cumpre corenta anos de vida. Pode non parecer algo excepcional, posto que existen entidades na nosa cidade que incluso chegan a seren centenarias. Mais o mérito de Tanxedoira radica en facelo cunha filosofía ben distinta a calquera outra asociación da contorna (por non ser exaxerado e dicir do mundo enteiro): o altruísmo.
Porén, eu acho que hai outro ingrediente en Tanxedoira que fai que te sintas como en casa, que te entregues, que te soltes e que sexas capaz de ofrecer o teu tempo e o teu coñecemento sen esperar ningún tipo de recompensa: a familiaridade. Tanxedoira é un lugar onde axiña te sintes acollido e arroupado por calquera persoa que alí atopes. E este feito tamén é algo que se mantén desde hai catro décadas.
Aínda que eu levo trinta e catro anos (recén cumpridos) nada máis sendo socio de Tanxedoira, podo presumir de ser a persoa de máis idade que leva toda a súa vida na entidade. Obviamente, moitas cousas seinas porque mas foron contando e transmitindo outras socias e socios, mais este aspecto que acabo de comentar é un recordo que teño presente na miña memoria.
Así, por exemplo, lembro pasar os aninovos no local da Asociación sendo un cativo. Mais non ían persoas dun xeito esporádico, non. Ían familias enteiras: o pai, a nai, o fillo, a filla, a avoa… É normal, pois, que eu tivese varias nais alén da miña: Marujita, Beni, Rosalía, Fina, Merchi, Gelines, Puri, Lola e un longo etcétera. De feito, durante unha desas celebracións, cando tiña uns trece anos, tiven un percance e abrín unha fenda na cabeza. Os meus pais non estaban na festa, polo que foi un socio de entón coa súa filla quen me levou ao Materno Infantil entre as miñas bágoas e saloucos.
Mirade se é familiar que até das súas entrañas saíron varias familias, xa que algúns mozos e mozas coñecéronse en Tanxedoira para máis tarde casar e formar unha familia: Marisa e Luis, Merchi e Claudio, Gelines e Julio, María e Nando, Rosa e Javi etc. E de feito, os fillos dalgúns deles pasaron a ser socios e a participar nas actividades da Asociación. Un dos casos máis rechamantes é o de Martín, que con tan só cinco anos comezou a ensaiar na percusión coa rondalla, sen que previamente lle ensinara ninguén.
Canto ao tema de revertir en Tanxedoira todo o teu coñecemento, lembro que nunha ocasión en que (eu xa debería ter cinco anos), unha vez que saímos da parroquia de Santa María de Oza, cedérannos desde o concello da Coruña o que fora o lavadeiro de Monelos. Aquel sitio estaba desfeito e non valía para levar a cabo as actividades do día a día. Así que meu pai, que era encofrador de profesión, axudado por moitos outros (Paco, Gabriel, Juan Carlos, Espinosa, Pombo…) acometeron a reforma do local no seu tempo libre, cando, en moitos dos casos, non ían facer un uso cotiá del. E desta quenda, tan grande foi o esforzo que os obreiros e xornaleiros cobraron un soldo de nove pesetas en agradecemento polos seus servizos. Algo único e excepcional na historia de Tanxedoira!
Tal vez era por iso que no libro de socios, antigamente, anotábase a prefesión de cada persoa, para así saber de que xeito poderían colaborar. Sen embargo, iso foi algo que descubrín cos anos. Concretamente, cando con dezanove anos fun secretario de Tanxedoira e tiven acceso a esa listaxe de persoas.
Outro exemplo de altruísmo e de entregar a outras persoas o que tés e, sobre todo, o que aprendeche en Tanxedoira é Javier. Un home que comezou na actividade de guitarra por acompañar a seu fillo. Logo, despois de sete ou oito anos, grazas á súa tenacidade, conseguiu tocar na rondalla. Na actualidade, ademais, é monitor de guitarra (para todas as idades) e é quen de facer cousas que nin el mesmo cría que sería capaz de facer.
Ou Rober, que comezou por traer a súa filla de oito anos para cantar no coro e rematou por cantar el con toda a súa familia: filla, muller e pais incluídos. E alén disto, tamén exerce de vicepresidente e cede o seu xardín e instalacións para que Tanxedoira poida levar a cabo alí moitas das súas actividades no exterior, como a sardiñada de San Xoán.
Como podedes ver, co paso do tempo, eu tamén fun aprendendo e vendo o que facían os que eran maiores ca min (e non tan maiores) e hoxe son eu un dos que, entre outras moita xente, trata de inculcar este sentimento noutras persoas. E non sabedes o orgulloso que me sinto cando vexo que o castigo máis grande para raparigas que acaban de entrar no instituto é que as castiguen sen iren a Tanxedoira. Ou ver a nenos e nenas de nove e dez anos encantados cantando cancións dos anos sesenta e setenta. E incluso o cariño e amizade que comparten con xente que está tres xeracións por enriba.
Isto faime pensar en que algo bo ha de ter Tanxedoira para perdurar no tempo tantos anos. Algo bo ha de ter a xente que a forma e que fai posíbel, co seu traballo desinteresado, que todo continúe igual, a pesar do paso do tempo. É por iso que non podemos permitir que a auga do mar engole esta marabillosa illa, esta xoia da nosa ilusión (como di a letra do noso himno). E, alén disto, é unha mostra de que as utopías son posíbeis se as construímos entre todos e todas.
Como diría meu pai: “De hoxe nun ano!”
Viva Tanxedoira e a súa xente!
David Loureiro