22 feb 2017

A laconada de Tanxedoira

A laconada defínese coma un costume social culinario en torno á preparación do lacón con grelos. E non podería ser máis acertada dita exposición, porque iso é o que é precisamente: unha reunión social entre amigos, na familia, arredor dun dos pratos máis típicos da nosa terra.

Unha moi boa excusa, moi galega por certo, de reunir a familia. E falo de familia, porque Tanxedoira non é só unha Asociación Cultural. Ao menos eu non a vexo así.

Eu non son da Coruña e, aínda que levo aquí máis de 15 anos, non me sentín nunca tan preto dun grupo de persoas coma con vós. Cubrides un oco de cariño que, para os que vivimos lonxe da casa, é moi grande. Grazas por abrirnos as vosas portas e os vosos corazóns. E grazas por ser como sodes: agarimosos, xenerosos, divertidos… espero que nunca, ninguén, trunque o espírito que impregna Tanxedoira.

Escribo estas liñas o mesmo sábado da laconada, ao abrigo do noso fogar, cando a noite xa pecha o día, e debúxase un sorriso no meu rostro. Lembro –aínda é moi recente- como comemos, ben por suposto; como rimos, moito -ese Manolo disfrazado de Elsa-, e por suposto fixemos o mellor que se nos dá: cantar. Todo o repertorio. Non quedou ningunha peza por lembrar, refrescar ou destrozar según se mire (prometo berrar menos de aquí en diante ;-P).

Nas familias hai momentos para todo, e os máis importantes, os que máis unen, os que nos quedan na lembranza son estes, os de festa, os de compartir. Viva o Entroido! E viva Tanxedoira! 
 

 
 
Jose Luis Reza

No hay comentarios:

Publicar un comentario