13 mar 2017

Visita al centro “Sagrada Familia” de Cáritas


O pasado 25 de febreiro o coro Tanxedoira amenizou os residentes do Centro de Día Sagrada Familia de Cáritas, con alegres cancións de taberna, que eles souberon agradecer con fortes aplausos.

O repertorio, o habitual nestas ocasións: Clavelitos, Catro vellos mariñerios, Yo vendo unos ojos negros, A Rianxeira etc.

Hora e media de cánticos "espirituais" aos que se sumaron os residentes e algunha das cuidadoras, con xestos que expresaban claramente a súa alegría e satisfacción por aquel momento.

Acho, e coido que non me trabuco, que unha vez máis deixamos un pouso de felicidade nestas persoas maiores que tanto o merecen.

Felicitémonos a familia Tanxedoira por estas actuacións que nos fan máis humanos e solidarios... e agardemos que se sigan a repetir.

Despois da actuación, o persoal de Cáritas reiterounos o seu agradecemento e con desexos de volvermos pronto, agasallounos con café, pastas e zume.
 
 
Carlos Gomez-Ibarlucea 

5 mar 2017

Actuación na Residencia Padre Rubinos

Á segunda foi a vencida! Despois dun pequeno aprazamento, por fin o pasado sábado 4 de marzo puidemos visitar a Residencia de Padre Rubinos. A iso das cinco da tarde fomos chegando a esa moderna e chamativa instalación de cor branca situada a carón do barrio Los Rosales. Para min era unha ocasión moi especial: o meu bautizo co coro de Tanxedoira, e non puiden evitar ter os nervios do principiante…

​Despois da afinación das guitarras e da preparación do coro no “backstage”, saímos ao escenario do Salón de Actos entre os aplausos de benvida dos maiores da Residencia e dalgúns familiares e empregados. O noso director, David, fixo unha breve presentación e sen máis preámbulos as voces e as cordas comezaron a soar…”A Rianxeira”, “Clavelitos”, “O Gato”, “O Sacristán de Coímbra” e tantas outras, salpicadas cos aturuxos (metade galegos e metade mexicanos) de Manolo. O entregado e agradecido público acompañaba os estribillos máis coñecidos, que de seguro evocaban lembranzas doutros tempos, e explotaba en aplausos ao remate de cada peza. Teño que recoñecer que en algún momento se me quebrou a voz vendo os sorisos e a ilusión que desprendían os rostros que tiñamos ante nós.

​Pouco a pouco a actuación chegaba ao seu fin. Antes de rematar, ante as peticións de “outra, outra” atrevímonos coa canción de “El Rey”. Pechamos coas amabales palabras da vicepresidenta da institución Padre Rubinos, que agradeceu a nosa presencia e nos emprazou a repetila pronto.

​Xa de volta no “backstage”, algúen levou unha pequeña sorpresa: os acordes do “Cumpreanos Feliz” soaron para felicitar a un dos nosos guitarristas: era Tito, que estaba de aniversario!

Antes de partir, algúns tivemos a oportunidade de conducir os residentes en cadeiras de rodas até o interior da instalación, onde ían cear. De novo alí repetíanse as mostras de agradecemento, e un non pode deixar de pensar no pouco esforzo que supón repartir un pouco de ledicia e ilusión.

Por último, quero aproveitar para agradecer a toda a familia Tanxedoira a cálida acollida que recibín desde o minuto un, como novo membro da Asociación. Moitas grazas a todos!

Apertas.
 
 
 
Antonio Larrosa