5 mar 2017

Actuación na Residencia Padre Rubinos

Á segunda foi a vencida! Despois dun pequeno aprazamento, por fin o pasado sábado 4 de marzo puidemos visitar a Residencia de Padre Rubinos. A iso das cinco da tarde fomos chegando a esa moderna e chamativa instalación de cor branca situada a carón do barrio Los Rosales. Para min era unha ocasión moi especial: o meu bautizo co coro de Tanxedoira, e non puiden evitar ter os nervios do principiante…

​Despois da afinación das guitarras e da preparación do coro no “backstage”, saímos ao escenario do Salón de Actos entre os aplausos de benvida dos maiores da Residencia e dalgúns familiares e empregados. O noso director, David, fixo unha breve presentación e sen máis preámbulos as voces e as cordas comezaron a soar…”A Rianxeira”, “Clavelitos”, “O Gato”, “O Sacristán de Coímbra” e tantas outras, salpicadas cos aturuxos (metade galegos e metade mexicanos) de Manolo. O entregado e agradecido público acompañaba os estribillos máis coñecidos, que de seguro evocaban lembranzas doutros tempos, e explotaba en aplausos ao remate de cada peza. Teño que recoñecer que en algún momento se me quebrou a voz vendo os sorisos e a ilusión que desprendían os rostros que tiñamos ante nós.

​Pouco a pouco a actuación chegaba ao seu fin. Antes de rematar, ante as peticións de “outra, outra” atrevímonos coa canción de “El Rey”. Pechamos coas amabales palabras da vicepresidenta da institución Padre Rubinos, que agradeceu a nosa presencia e nos emprazou a repetila pronto.

​Xa de volta no “backstage”, algúen levou unha pequeña sorpresa: os acordes do “Cumpreanos Feliz” soaron para felicitar a un dos nosos guitarristas: era Tito, que estaba de aniversario!

Antes de partir, algúns tivemos a oportunidade de conducir os residentes en cadeiras de rodas até o interior da instalación, onde ían cear. De novo alí repetíanse as mostras de agradecemento, e un non pode deixar de pensar no pouco esforzo que supón repartir un pouco de ledicia e ilusión.

Por último, quero aproveitar para agradecer a toda a familia Tanxedoira a cálida acollida que recibín desde o minuto un, como novo membro da Asociación. Moitas grazas a todos!

Apertas.
 
 
 
Antonio Larrosa

No hay comentarios:

Publicar un comentario