O Sábado 3 de xuño, os meus compañeiros e compañeiras de coro e eu xuntámonos, xa que nos convidaron a ir a Geriatros, en Montrove. Querían que lles fósemos cantar e alegrarlles a tarde aos avós e familiares e, claro, o noso director propúxonolo e alí fómonos todos e todas encantados. Digo todos porque no coro temos un grupo de nenas de entre cinco e dez anos que son a nosa alegría. A elas tamén lles gusta ir cantarlles aos avós, e estes cando as ven cantando entre os maiores alégranse moito. Tamén nos acompañou a nosa Presidenta, Leticia, coa súa guitarra, e algún compoñente máis da rondalla.
Os avós e os familiares participaban nas cancións, pois eran dos seus tempos e de tipo tradicional, como A Rianxeira, Ai Pepiño adiós e outras coñecidas por eles. Até algún se atreveu a botar un baile. Para nós foi unha grande satisfacción velos participar e gozar. Até o meu pai, que está alí ingresado e que nunca foi moi cantarín, participou en todas as cancións.
Estivemos a cantarlles de 17:30 a 19:00 horas, porén pasóusenos ese tempo voando, pois cando estás a gusto e sabes que tamén o están eles, non importa o tempo.
A nós uniuse María, outra compañeira do coro, que por motivos de saúde non puido cantar, mais participou facendo os vídeos e as fotos da actuación.
Só dicir que me sinto moi feliz sendo da familia Tanxedoira
Puri Seoane
No hay comentarios:
Publicar un comentario