19 jul 2017

FESTA DOS MAIOS

O coro e a rondalla Tanxedoira foron convidados a participar na IV Festa dos Maios que se celebrou no Concello de Valdoviño o día 20 de maio. A invitación realizouna a Asociación de Veciños Santiago Apóstolo de Lago, que merecen unha especial mención polas atencións que nos brindaron como anfitrións.

Os membros de ambos os dous grupos trasladámonos en autocarro até as marabillosas e envexábeis instalacións da asociación promotora. Tal catalogación está baseada tanto na súa ubicación como polas dimensións e dotación dos edificios, que, alén diso, contaban cunha gran zona verde e un parque de xogos para as crianzas.

No programa de actuacións, tamén se achaban incluídos as Cantareiras Álvaro Cunqueiro, o Grupo de Baile Galego Álvaro Cunqueiro e o Grupo de baile Moderno. Polo demais, os grupos de Tanxedoira pecharon as actuacións da tarde.

A grande asistencia de público fixo posíbel que os diferentes grupos recibisen un baño de calurosos aplausos.

As condicións climatolóxicas eran excelentes para desfrutar ao aire libre daquel entorno, polo que, ao rematar as actuacións, os grupos participantes fomos convidados a mollar as nosas gorxas d comer chourizos e liscos, preparados nunha grella que tiñan instalada no exterior, onde tamén se encontraban instaladas as mesas para os comensais.

Despois de termos comido e bebido, non podían faltar as cancións que amenizaron aquela tarde-noite, até que chegou o momento de partir de regreso á Coruñá.

Como é habitual xa nas nosas viaxes en autocarro, o traxecto de volta foi moito máis ameno grazas á iniciativa que xorde das máis pequenas e pequenos.



P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

David Loureiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario