30 oct 2017

Tanxedoira on the road!

O pasado 16 de setembro a Asociación de Amigos de Santaballa convidounos a pasar unha xornada moi especial con eles para celebrar as xornadas indianas. Con moitas gañas de pasado ben, fomos os compoñentes do grupo de coro e do grupo de teatro todos juntos nun autobús e con ambiente festivo inmellorábel. O coro tivo unha primeira sesión de cantos de taberna, para despois deixar paso a un grupo da terra. A seguir, os de teatro deleitáronnos con dous marabillosos fragmentos de zarzuelas, habilmente dirixidos por Jesús. As pezas escollidas para esta ocasión eran “La tabernera del puerto” e “La dolorosa”, ambas cunha aceptación incríbel debido á súa maxistral interpretación. A continuación, e xa preto da noitiña, o grupo do coro tivo a segunda intervención para amenizar os valentes que sobrevivían ao frío xunto a nós.Creo que non me trabuco cando aseguro que non sei se o pasarían mellor os lugareños ou nós, mais é que co tempo que levo pertencendo a esta asociación e pertencendo a este coro, cada día teño máis claro que alá onde vai Tanxedoira, alén de arrancar unhas cancións das bocas de que nos escoita, tamén arrincamos un sorriso de ledicia e satisfacción, polo que supón un grande orgullo seguir pertencendo a esta familia.

Unha aperta e até a próxima excursión, familia!


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería 
María Pilar Fernández 

23 oct 2017

Continuou a celebración do XL Aniversario no C. C. do Castrillón

O pasado sábado, 21 de outubro, a Asociación Tanxedoira retomou o seu periplo polos diferentes centros cívicos da cidade herculina, para compartires con toda a venciñanza coruñesa a celebración do seu meritorio 40º Aniversario. Nesta ocasión, a agrupación de cantos populares deleitou a grandes e a pequenos no Centro Cívico do Castrillón cun repertorio cheo de cancións tradicionais, pertencentes tanto ao folclore galego como ao español ou ao suramericano, entre outros.

Co devagar das cancións, o salón de actos foise ateigado de xente, como se fose o mesmo frautista de Hamelin ou as sereas de Ulises as que estivesen a captar a atención das persoas que pasaba polo centro. Porén, o sorprendente foi que non só era xente maior, máis familiarizada co repertorio tradicional, a que se uniu á festa, senón que tamén acudiron moitas crianzas, acompañadas dos avós ou dos papás, que se amosaban moi participativas e interesadas neste repertorio folclórico que se estaba a reproducir; esas raíces culturais e identitarias que tan importante é manter vivas e saudables, por e para o pobo.

Como nota a salientar, seguindo este fío da transmisión cultural ás novas xeracións, está a estrea nos escenarios de Iratxe, unha pequeniña de apenas tres anos, que aínda que moi noviña e con certo medo escénico, tivo a valentía de subir a actuar co resto da agrupación, entre os que se encontra a súa irmá Irune, figura clave, xunto cos seus pais, Mónica e Toño, para que Iratxe se fose empapando, venres a venres nos ensaios e actuación a actuación nos eventos de Tanxedoira, da esencia e do gusto pola música tradicional que tanto nos une dentro da nosa fermosa diversidade
 
 
 
P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería
 
Noemí Iglesias

18 oct 2017

Comida inicio de curso

O pasado día 1 de outubro, celebramos no local da Asociación a tradicional comida de inicio de curso.

Como todos os anos, cada socio leva algún tipo de comida, que unha vez montadas as mesas, repártese de maneira que todos e todas podemos dar gusto de cada un dos menús, que, por certo, eran moi variados. O surtido consistiu nun abano que vai desde aperitivos e croquetas, pasando por tortillas, ensaladilla, lacón asado e chegando á grande variedade de postres. A verdade é que, sin esquecerme de nada, todos os platos estaban riquísimos.

E despois de dar conta de todo o menú, como non podía ser doutra maneira, seguimos a reunión con partida de cartas, cantos e bailes, tanto maiores como nenos e nenas, desfrutamos ao longo da tarde.

Quero indicar que foi unha tarde de familia, que nós levamos pouco máis dun mes asistindo á asociación e pasamolo en grande. Así que queriamos agradecer a compañía e esperamos, neste ano de celebración para a Asociación, continuar vivindo tardes como esta do pasado día 1. Moitas grazas e a seguir disfrutando, Tanxedoir@s. 


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería
Celsa Boado

7 oct 2017

Comenzou a celebración do XL Aniversario.


Comenzamos! A primeira das actuacións previstas co gallo do 40 aniversario foi o derradeiro sábado de septembro, e tivo lugar no Círculo de Artesáns da Coruña. Alí atopámonos cun público exixente, animado, participativo e instructivo (mesmo nos ensinaron novas estrofas de cancións ). Un decorado de luxo que nos trasladaba a outra época, onde pasamos unha tarde estupenda cantando cancións populares. Ao rematarmos quedamos con ganas de máis, pero pronto repetiremos.
 
 
 
Alberto Abelleira