O sábado 13 de xaneiro, despois de todas as comelladas do Nadal, e como en Tanxedoira gostamos pouco do de comer, tivo lugar un showcooking da man do cociñeiro José Ramón Riestra. E que é iso do showcooking? Pois amosarnos e ensinarnos a cociñar dándonos consellos e trucos. Esta vez a elección foi unha serie de petiscos e unha sobremesa.
Despois dunha simpática presentación, comezou a explicación dos pratos que iamos aprender a cociñar. Todos con ingredientes mercados en supermercados e axustándose a un presuposto asequíbel e á altura de todos os petos (nada de bogavantes nin caviar) e con procedimentos materiais presentes en todas as cociñas (nada de escumas nin de esferificacións). Agora ben, a publicidade que se fixo de Makro e Ikea non ten prezo… as próximas veces imos ter que lles pedir descontos polo patrocinio…
Comezamos cunhas zamburiñas en salsa de allo porro (salsa que pode ser empregada con calquera outro molusco e mesmo con arroces), que, pola súa sinxeleza na elaboración e o sabor, conquistou os asistentes xa desde o primeiro momento.
A seguir, continuou cunha milfollas de mango e queixo de cabra e outra de mazá e crema de froitos secos. Ambas as dúas foros feitos cunha elaboración bastante sinxela e asequíbel, incluso para as preguiceiras na cociña, como é o meu caso.
Despois, pasamos aos pratos que requerían un pouco máis de elaboración, como foi o caso dos cogumelos rebozados con salsa de cabrales e luras recheas de atún con cordón de alioli.
Para rematar, degustamos piña gratinada, que fixo as delicias de todas as persoas asistentes (mira que somos larpeiros e larpeiras…).
A verdade é que a xente desfrutou e aprendeu moitísimo, xa que, mentres o chef ía preparando e explicando os pratos, ía resolvendo todas as dúbidas que nos xurdían, así como dando pequenos consellos e trucos. É por iso que, o tempo botóusenos enriba e, cando caemos na conta, xa tiñan pasado tres horas. Mais todo o mundo resistiu ao pé do canón, porque había gañas da sobremesa. Agora só resta agardar a seguinte para aprender novos trucos e pratos cos que sorprender á familia e ás visitas.
P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón:
Ver galería
Leticia Riestra