1 feb 2018

A música popular soou no Centro Cívico de Monte Alto

Neste percorrido polos centros sociais da cidade herculina que ven levando a cabo o grupo de cantos populares da Asociación Tanxedoira, co motivo do seu corenta aniversario, non podía esquecerse dun dos dez barrios máis especiais de toda a Península Ibérica e o máis emblemático da Coruña: o barrio de Monte Alto.
 
E así, o pasado sábado, 27 de xaneiro, no salón de actos do seu centro cívico, ocupado por un nutrido grupo de veciños e veciñas, os e as compoñentes do cadro musical foron interpretando unha selecta variedade de cantos  de “andar por casa” moi coñecidos e que, ben dirixidos polo seu xove director, animaron e atraparon cas súas notas a todos os presentes que, pouco a pouco, foron fundindo as súas voces cas da formación vocal, ao mesmo tempo que facían soar rítmicamente as palmas.
 
É de agradecer que neste barrio, onde teñen o seu asentamento moitas formacións musicais e culturais de gañado prestixio (Aturuxo, Cantigas da Terra, Follas Novas ou Airiños da Torre, entre outras) a Asociación Tanxedoira poidera dar a coñecer todas as súas actividades, facendo fincapé en que todas elas son impartidas de forma totalmente de balde.
 
Agardamos que na próxima actuación do grupo de cantos populares, o vindeiro sábado, 17 de febreiro, en plenas festas do entroido, se poida dar unha nova mostra do bo facer desta colectividade cultural



Luis Landín

No hay comentarios:

Publicar un comentario