9 jun 2018

Certame de teatro

Co gallo do 40 aniversario da Asociación Cultural Tanxedoira, celebrouse un certame de teatro os días 12, 13, 19 e 20 do mes de maio, en que actuaron tres agrupacións teatrais coas que mantemos certa relación de amizade. E, ademais, para cerrar o ciclo tamén actuou o grupo de teatro da nosa asociación.

O sábado 12 de maio, inaugurando o certame, actuou o grupo de teatro Xiria coa obra de Carlos Llopis "Nosotros, ellas y el duende", que é unha comedia en tres actos.

A obra preséntanos a unha parella de novos a piques de contraer matrimonio. Pouco antes da data sinalada prodúcese o encontro entre as súas respectivas familias. O pai dela e a nai del, ambos os dous viúvos, namoran e, finalmente, prodúcese un dobre enlace. Esta circunstancia dá lugar a numerosas e divertidas situacións de enredo, das que sairán case sempre invictas as donas.

Un bo decorado deu vida aos personajes, que, cunha estupenda sintonía entre eles, souberon arrincar risas e aplausos en cada un dos actos en que se dividía a peza.

E debido ao bo momento que nos fixeron pasar, queremos agradecer aos nosos amigos e amigas de Xiria o teren participado neste certame.



A seguir, o domingo 13 de maio, actuou o grupo de teatro do colexio Salesianos, integrado por rapazada con idades comprendidas entre os 11 e os 12 anos, coa obra "A caixa de música". Conta a historia dunha boneca que sae da súa caixa e percorre unha “república libre e independente”, cun sinfín de enredos, até que consegue encontrar as súas amigas.

O bo facer destes novos actores e atrices, alén da posta en escena, fixeron que o número público estivera atento ao desenvolvemento da obra. Ao rematar a actuación, o elenco foi premiado con numerosos aplausos.

Vai desde aquí tamén o noso máis sincero agradecemeto a este grupo de teatro infantil a súa participación e colaboración desinteresada neste evento.



Continuando coas representacións, o sábado 19 de maio foi a quenda para o grupo ES3HA2, pertencente ao colectivo de Melandrainas Teatro (Arteixo). Esta agrupación está formada por xoves entre os 15 e os 18 anos, que nos ofreceron a obra "O soño dunha xoaniña", resultado da adaptación do conto de Rebeca Dautremer "A tartaruga xigante de Galápagos". Este conto é unha divertida alegoría que presenta un tempo de entroido en que a xoaniña quérese disfrazar de tartaruga, para o que lle pide axuda a todos os animais que encontra no seu camiño.

Cunha magnífica posta en escena, souberon alegrar e divertir o público asistente.

Tamén queremos dar as grazas a Melandrainas pola súa disposición e participación.



E para clausurar este certame de teatro, o domingo día 20 de maio foi o momento do grupo de teatro Tanxedoira, que representou a zarzuela "Agua, azucarillos y aguardiente", cuxo libreto foi escrito por Miguel Ramos Carrión, ao que lle puxo música o mestre Federico Chueca. Estamos, pois, ante unha peza cume dentro do género chico, ambientada no Paseo de Recoletos no Madrid de finais do s. XIX.

Ademais, contamos coa colaboración do Coro Tanxedoira e do grupo de baile da escola de danza Carmen.
A posta en escena, o lucido do vestiario, a estupenda interpretación (tanto do coro, coma do grupo de baile e os actores e actrices)… todo! Todo unido (e todos unidos) fixo que o numeroso público asistente aplaudira cada interpretación e se puxese de pé a aplaudir ao final da obra, chegando a vitorear “bravo!”.


Eu, como director, non me resta máis que dar a todos e a todas a miña noraboa e emplazar a todo o mundo para as futuras actuacións que xa nos están a solicitar.

E, máis unha vez, grazas a todas as persoas que fixeron posíbel, tanto na súa participación como na súa organización, este certame de teatro co que celebramos o 40 aniversario de Tanxedoira.
 
 
 
Jesús García

No hay comentarios:

Publicar un comentario