40 anos! Si, corenta anos leva Tanxedoira impartindo coñecementos de maneira altruísta a un incontable número de asociadxs, moitos dxs cales, posteriormente, continuaron con esa traxectoria de transmitir o aprendido a novos demandantes de coñecementos. E así foi como, aos poucos, chegouse até os nosos días, e que mellor reflexo de tal traballo que as actuacións que se realizan con motivo do Festival de Fin de Curso, en que se mostran as habilidades e coñecementos adquiridos.
O día 26 de maio foi o día elixido para facer esa demostración por parte de diferentes colectivos e, para iso, fíxose uso do teatro do Centro Cívico dos Mallos, lugar ao que acudiu un gran número de espectadorxs para gozar das actuacións programadas.
Por aquel escenario pasaron xs aficionadxs ás pandeiretas, mostrando a compenetración do grupo, para logo deixar paso a xs enamoradxs do acordeón, que ofreceron belas cancións. E que dicir do coro? Do mesmo xeito que sempre, as súas voces foron capaces de lograr a atención dos presentes, para deixar paso axs alumnxs de guitarra, cuxo amplo abano de idades chama poderosamente a atención, do mesmo xeito que ocorre co coro ou a rondalla. A festa estaba no seu ecuador e as novas presentadoras continuaban con adorable soltura guiando xs asistentxs por aquela tarde de celebración.
Seguía a mostra do aprendido, e non podía faltar o noso grupo de teatro que, cun estrato da obra “Agua, Azucarillos y Augardente”, fixo sorrir o público. Seguidamente, o máis importante ao meu xuízo, o recoñecemento xeral e público axs monitorxs, que recibiron un obsequio como agradecemento polo seu labor, deixando paso seguidamente ás bailarinas, que mostraron as súas habilidades con ritmos quentes. E para pechar o Festival, gozouse da música coa que obsequiou a rondalla.
Pasados outros corenta anos, algunhas das persoas presentes lembrarán os momentos especiais vividos con Tanxedoira, confiando que nese tempo vindeiro a Asociación calase con maior profundidade na sociedade.
Jose Luis Ponte
No hay comentarios:
Publicar un comentario