9 may 2019

Xuntos para a laconada

O pasado domingo 17 de febreiro celebrouse a programada laconada no restaurante Javimar.
Unhas cincuenta persoas démonos cita ás dúas e media para desfrutar e saborear a tradicional laconada que soe facer a Asociación Cultural Xuvenil Tanxedoira por estas datas do Entroido. 

Ao escribir isto venme un sorriso aos meus beizos polo de “xuvenil”, porque as persoas que estabamos alí... Ben, sen entrar en moitos detalles...: a idade está no cerebro e non nos anos vividos. Eu falo por min e supoño que aos demais halles pasar o mesmo: temos as mesmas ilusións de vivir e desfrutar da vida como se tivésemos vinte anos.

Ese era o ambiente que se respiraba nesa comida: alegría, bo humor, charlar, rir, saborear e desfrutar da comida en boa compañía.

O menú, o normal: unha sopa de entrante e logo o cocido cos seus grelos, patacas, garabanzos, lacón, costela, chourizo, orella...
De sobremesa, o típico tamén por estas dstas: filloas coa súa cremiña e mel (para que cada un a tomara ao seu gusto) e orellas.
Non faltou o correspondente café de pota coas súas gotas e... a repetir! E, posteriormente, ás seis da tarde, eu tiven que marchar porque tiña outros compromisos, pero xa estaban comezando a preparar as guitarras para iniciar a sesión de cantos populares en que participan todos os comensais e en que a xente desfruta plenamente. E conozo moi ben esta sensación, por telo vivido con anterioridade en numerosas ocasións, enchendo o cerebro de endorfinas, que se alguén non sabe o que son, xa lle digo eu que son as que producen a felicidade! Agradezo infinitamente á Directiva de Tanxedoira que me tiveran en conta para facer esta “reportaxe”, pois debido a miña idade e a distancia á que vivo impídenme colaborar con Tanxedoira como eu quixese, mais continúo aí para o que queirades e eu poida, mentre Deus mo permita! Unha aperta moi forte para todos e todas.


P.D: Podedes consultar todas as fotos na seguinte ligazón: Ver galería

 
Germán Cortés

No hay comentarios:

Publicar un comentario